O porto de Vigo é un dos máis afectados pola modificación da Lei de Portos 48/2003, xa que os cambios permitirían a liberalización total do sector, a eliminación do servizo de estiba en todas as actividades nos buques de tráfico rodado (unha das principais actividades no porto vigués) e o estabelecemento dun sistema de autoprestación que non garante a continuidade do servizo portuario, nin os dereitos de subrogación laboral.
A folga, que se iniciou na mañá do martes ás 8:00 horas, ten paralizada totalmente a actividade do porto de Vigo, polo que se estima que se van deixar de mover uns 700 contedores e máis de 2.000 vehículos. Así mesmo, os portos de Marín e Vilagarcía tamén están cun servizo mínimo, xa que os estibadores acordaron secundar a folga en solidariedade cos seus compañeiros e como medida para evitar que os barcos puidesen ser desviados ás outras radas.
Os traballadores e traballadoras están agora pendentes de que as empresas consignatarias e a Autoridade Portuaria asinen un documento remitido polas organizacións sindicais, a través do que se comprometen a garantir que os servizos de carga e descarga no porto se van realizar mediante a estiba, e polo tanto, a garantir a continuidade e a estabilidade dos postos de traballo.