Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 11/5/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

CIG-Banca cuestiona que a conselleira de Economía ‘entenda’ os recortes salariais aos traballadores de Novacaixagalicia

Denuncia que a Xunta de Galiza autorizou hai seis meses unha suba salarial para os directivos
CIG-Banca vén de cuestionar as declaracións da conselleira de Economía, Marta Fernández Currás, que dixo entender as rebaixas salariais anunciadas por novacaixagalicia como parte do plan de recapitalización que lle exixe o Banco de España, que inclúe un aforro de custos. Para a CIG-Banca resulta incoherente esta comprensión cos recortes nos salarios dos empregados e empregadas da caixa cando hai apenas 6 meses a Xunta de Galiza autorizou un incremento salarial para os directivos.

Para a CIG-Banca, estamos ante un recorte, non ante un plan de contención salarial, tal e como afirmou a Conselleira, que afecta ao salario fixo e non á “retribución variable”, cunha proposta concreta por parte da empresa.

A retribución variable foi, segundo explica CIG-Banca, practicamente eliminada para a maior parte do persoal. Non así para a Dirección que segundo figura na acta do Consello de Administración aprobou a consolidación dun 25% da retribución variable como fixa para o equipo directivo co visto bo da Xunta.

Neste senso, afirman, “non é de recibo que a Consellería autorice fai 6 meses unha suba salarial dos Directivos e que agora defenda o recorte salarial para os traballadores e traballadoras”.

Recurso ante o Tribunal Constitucional

A CIG-Banca considera que a Xunta de Galicia debe dar explicacións sobre a tardanza en presentar o recurso ante o TC contra o Decreto de Privatización das Caixas. “Dá a impresión de que seguindo instrucións do Partido Popular a nivel estatal”, din, “agardaron a que o Banco de España e o Ministerio de Economía autorizasen o Plan de Recapitalización de Bankia/Caja Madrid, dirixida polo exMinistro Rodrigo Rato, deixando de lado a novacaixagalicia”.

Alén diso lembran que durante a tramitación da Lei de Caixas de Aforros do Parlamento Galego “o Partido Popular mostrouse contrario a incluír unha maior transparencia no salario dos altos directivos das Caixas” e que foron o Partido Popular e o PSOE “os que pactaron un período de transición dos órganos de goberno e das cúpulas directivas, impedindo a renovación e democratización da entidade, permitindo que os responsables da situación actual da Entidade continúen nos seus postos”.

Sinalan que o pasado mes de xuño de 2010 o PP e o PSOE pactaron unha modificación da LORCA a nivel estatal que incluíu por primeira vez a posibilidade de transformar as Caixas en Bancos. Unha lei que serviu de base para o actual decreto do Goberno Central e do Banco de España. “Se hoxe estamos nesta situación é froito dese pacto a prol da privatización”.

Dada a actual situación, CIG-Banca solicita da Xunta de Galicia que cese “de xeito fulminante” os actuais órganos de goberno de novacaixagalicia e proceda de inmediato á renovación dos mesmos.

cig.prensa@galizacig.com