Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 11/5/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

CIG denuncia a Ambulancias Xuvias e ao CHUAC por neglixencia no tratamento dos datos dos/as usuarios/as do transporte sanitario

A central sindical solicita á Axencia española de Protección de Datos que investigue a ambas entidades por vulneración da lexislación vixente
O Sector de Transportes da CIG da Coruña remitiu esta mañá denuncia a Axencia española de Protección de Datos para solicitar da institución estatal que investigue e sancione á Ambulancias Xuvias (que realiza transporte de enfermos e accidentados) e ao CHUAC por vulnerar a lexislación vixente en materia de tratamento e protección de datos persoais.

Segundo explica o responsábel de Seguridade e Saúde da FGAMT-CIG, Ernesto López Rei, logo de rexistrar a denuncia na Delegación do Goberno, os condutores das ambulancias están obrigados a levar os historiais clínicos dos/as doentes/as cando os/as trasladan, a pesar de non ter a formación axeitada nin a obriga legal de realizar esta tarefa. Neste senso, a FGAMT-CIG aclara que o persoal ten que asumir a custodia e protección dos historiais clínicos, tipificados pola Lei Orgánica de Protección de Datos como información de “nivel alto” e polo tanto que requiren dunha protección especial, dun xeito que non garante nin a confidencialidade nin a trazabilidade dos mesmos.

Así, puntualiza, o transporte dos historiais dun centro sanitario a outro realízase sen cumprir ningún dos preceptos legais estabelecidos: os documentos son entregados aos condutores nun sobre aberto e con todos os datos do/a doente; non é posíbel estabelecer unha por unha as persoas que formaron parte da custodia dos datos, nin existe un rexistro de entrada/saída da documentación; non hai ningún traballador da empresa autorizado no manexo de expedientes; non está estabelecido ningún “Documento de Seguridade” como esixe a lei; e tampouco se fai a auditoría bianual preceptiva.

Esta situación deixa nunha desprotección absoluta tanto ao/á usuario que utiliza o transporte sanitario (que non ten garantida a confidencialidade do seu expediente), como ao traballador/a (que asume unha responsabilidade para a que non foi preparado, pero que pode ter consecuencias legais).

Fronte a este cúmulo de irregularidades, os traballadores/as de Ambulancias Xuvias negáronse diante da empresa e o centro hospitalario a transportar os historiais dos usuarios/as se non se garantían unhas condicións adecuadas. A resposta da empresa e a xerencia, en lugar de corrixir estas graves deficiencias, consistiu en obrigar ao persoal, baixo ameaza de despedimento, a realizar o servizo, xa que entenden que os historiais forman parte dos medios técnicos e materiais que acompañan ao/á enfermo/a.

“É dicir, critica López Rei, para a empresa e o hospital uns datos de máxima protección, como o historial clínico, teñen un carácter semellante ao dunha sonda, un respirador ou unha agulla. Non lles merecen máis protección nin máis control que o resto do mobiliario dunha ambulancia”. O sindicalista instou á Axencia de Protección de Datos a investigar estas irregularidades, sancionar á empresa e ao centro hospitalario por vulneración da lexislación vixente e obrigar a corrixir todas estas deficiencias.

cig.prensa@galizacig.com