As entidades financeiras, explican dende a CIG-Banca, están implantando o traballo por obxectivos comerciais; é dicir, esixen unha vendas mínimas ao persoal. Neste tipo de traballo por obxectivos comerciais o control horario, que tanto preocupa a maior parte das empresas, pasa a ser accesorio, pois o importante é acadar as vendas impostas pola empresa custe o tempo que custe.
Neste senso o acordo do Banco Pastor avanza na flexibilidade horaria para o 90% do persoal sen establecer ningún tipo de control da xornada, o que legaliza de facto a extensión ilegal da xornada laboral.
Ademais as oficinas abrirán de outubro a marzo os dous primeiros días de cada mes e o último de xeito continuado das 8 ás 19 horas, para atender o traballo administrativo nestas datas de maior afluencia da clientela. Deste xeito, denuncia a Federación de Banca da CIG, o persoal terá hora e media para xantar, debendo facelo por quendas xa que non pecharán as oficinas, o que sen dúbida será problemático para as oficinas con menor número de persoas.
Tampouco haberá compensación económica para o xantar, malia que o Banco impón mobilidade xeográfica ao persoal e polo tanto moitas persoas veranse obrigadas a xantar fora da casa.
Ademais, os sindicatos asinantes (UGT, CCOO e FITC) consentiron en que o Banco Pastor poda modificar as datas de apertura partida por outras que considere de maior interese, cun límite do 5% das oficinas preavisando con 40 días.
Como contrapartida o persoal librará todos os sábados. Neste senso, a implantación de plataformas de servizos financeiros a nivel europeo ocasionou que os sábados na banca pasaran a ser inhábiles para a maior parte das operacións, mais as entidades están conseguindo flexibilidade horaria a través de diversos acordos de empresa baixo a aparente cesión na libranza dos sábados.