Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 11/6/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O sector de arqueoloxía denuncia que a súa progresiva degradación pon en risco o patrimonio galego

Cada vez hai máis empresas que non aplican o convenio e pactan condicións económicas á baixa, tirando tamén a calidade dos servizos
A Dirección Xeral de Patrimonio está permitindo que se degrade o labor desenvolvido polos/as profesionais da arqueoloxía a través de empresas que non aplican o convenio e pactan condicións económicas á baixa, tirando a calidade dos servizos. Ante isto, profesionais, representantes da AEGA e da CIG denunciaron o pasado venres, en rolda de prensa, a situación de precariedade á que se está a abocar a arqueólogos/as; ás empresas que si cumpren as condicións pactadas en convenio e o risco que supón para o patrimonio arqueolóxico galego permitir este tipo de intervencións, que definiron como “low cost”.

Clodomiro Montero, secretario nacional da CIG-Banca, federación na que se encadra o sector de arqueoloxía, comezaba a comparecencia explicando que non é habitual a convocatoria dunha rolda de prensa entre unha patronal, as traballadoras e traballadores do sector e unha organización sindical.

Porén, a gravidade da situación e a coincidencia por todas as partes na diagnose e nas demandas, levou a que decidiran presentar as súas reclamacións de forma conxunta. Así, na rolda de prensa estaba o propio Montero, como representante da central sindical,  María Martín, en representación do colectivo de profesionais da arqueoloxía e Andrés Bonilla e María José Bóveda, en representación da Asociación de Empresas Galegas de Arqueoloxía (AEGA).

A súa denuncia é contundente. No ano 2009, CIG e AEGA (que agrupa a 25 empresas) asinaban o primeiro convenio colectivo –aínda en vigor- para o persoal de arqueoloxía, que abrangue a arredor de 300 traballadoras e traballadores. Tiña coma obxectivo regular a actividade no sector e camiñar cara a profesionalización do mesmo. Lamentabelmente, transcorridos apenas catro anos desde a súa sinatura, “agora vemos como desde a Xunta de Galiza, concretamente desde a Dirección Xeral de Patrimonio, estase permitindo a súa reiterada vulneración”, denunciaron.

Á precarización das condicións laborais de arqueólogas e arqueólogos engaden que hai administración públicas, nomeadamente a Deputación de Pontevedra, que están realizando intervencións con persoal non profesional e sen ter en conta ao persoal con experiencia demostrada no sector. Unha situación especialmente grave cando “a maior parte das traballadoras/es están no paro ou son contratadas/os con condicións por debaixo do convenio”, denunciou Montero.

Diante desta situación, AEGA fixo propostas á Dirección Xeral de Patrimonio para que se establecesen uns baremos mínimos de calidade en todas as intervencións arqueolóxicas, dun punto de vista científico, pero até o de agora non tiveron resposta.

Andrés Bonilla, de AEGA denunciou que o sector estase dirixindo “cara un colapso que pode rematar por afundir as empresas e autónomos que quedan na comunidade” e alertou das consecuencias da vulneración do convenio por parte dalgunhas empresas. “Estes incumprimentos, que buscan abaratar os custos finais do traballo arqueolóxico, provocan en realidade unha baixada da calidade coa conseguinte degradación deste traballo o que está a pór en perigo a correcta conservación e documentación dos restos patrimoniais”.

A inexistencia dun marco legal, un órgano regulador ou dun código deontolóxico que permitan fixar os criterios de calidade do traballo -criterios que levan xa algúns anos tentando consensuar coa Dirección Xeral de Patrimonio- obriga a que nestes momentos o mercado sexa o único elemento que regula a actividade, coa grande ameaza que isto supón para unha correcta execución da práctica arqueolóxica e da conservación do noso patrimonio. “Loxicamente o mercado buscará sempre a forma máis barata e rápida de solucionar uns traballos que en moitas ocasións se consideran como molestos e superfluos, cando non como inútiles e obstaculizadores para as obras”, explicaron.

Entre as medidas a adoptar, exixiron o cumprimento do convenio e o estabelecemento dunhas pautas de calidade, que sexan de obrigado cumprimento, que impidan que, unha vez superada a actual situación de crise, “nos atopemos cun panorama desolador, no que a arqueoloxía se teña convertido nun simple trámite. E que, daquela, xa non contemos nin cos medios nin cos profesionais necesarios para conservar e documentar o patrimonio”.

Uns e outros teñen claro o potencial económico da posta en valor do patrimonio histórico para moitos concellos e bisbarras do país, que as intervencións que deron en chamar "low-cost" supoñen un risco para ese patrimonio e que entre as súas previsíbeis consecuencias está a desaparición do actual marco empresarial, e con el do medio de vida de todas aquelas persoas que traballan na arqueoloxía de xestión.

cig.prensa@galizacig.com