Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 11/6/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Traballadores/as de Alcoa Inespal inician unha marcha a pé dende A Coruña a Compostela

A Sección Sindical da CIG demanda un plan industrial que garanta o mantemento da produción e os empregos da factoría da Coruña
Un grupo de traballadores/as de Alcoa Inespal iniciaron este luns unha marcha a pé até Compostela en demanda dunha tarifa eléctrica competitiva e esixir un plan industrial que garanta a viabilidade da produción do aluminio na comarca da Coruña. A protesta, que arrancou por volta das dez da mañá dende a Delegación do Goberno na Coruña, rematará o mércores cunha manifestación polas rúas de Compostela até as portas da Xunta de Galiza.

A primeira etapa da marcha a pé cubrirá a distancia entre A Coruña e o Mesón do Vento; no segundo día a camiñada chegará até o Monte do Gozo; e xa na mañá do mércores, o persoal irá en manifestación até San Caetano, a onde pretenden chegar por volta das doce do mediodía. Tamén está previsto que ao último tramo da marcha se sumen compañeiros e compañeiras chegados da factoría de Alcoa en San Cibrao.

Os delegados da CIG en Alcoa Inespal que tomaron parte da marcha reclamaron garantías de futuro e viabilidade da factoría de aluminio da Coruña e rexeitaron calquera proceso de deslocalización pretendido pola multinacional. Neste senso, matizaron que a o prezo da tarifa eléctrica é un dos factores que vai influír na continuidade da actividade da planta coruñesa, mais subliñaron que “non é o único problema nin vai ser a cuestión determinante” para o mantemento da produción e os postos de traballo.

Por iso mesmo, dende a Sección Sindical da CIG continúase amosando o rexeitamento ao ERE temporal vixente na factoría, por entender que non soluciona a problemática económica ou produtiva que poida existir nin tampouco garante a viabilidade da empresa. De feito, a Sección Sindical volveu amosar a súa preocupación porque as verdadeiras intencións da multinacional do aluminio pasen pola deslocalización da produción en Europa, deslocalización que comezaría precisamente polo desmantelamento da planta da Coruña.

Neste senso, cómpre lembrar que Alcoa está a construír a maior planta de aluminio do grupo en Arabia Saudita, que se prevé que entre en funcionamento durante o ano 2013. Tamén é coñecido que Alcoa está a investir capital para mellorar a produción doutras plantas en diferentes países. Pola contra, hai dous anos a dirección acordou a supresión da produción de 20.000 T/anuais de alambrón planta da Coruña en favor da fábrica de Islandia, o que supuxo a parada definitiva da instalación de laminación de Alcoa Inespal.

cig.prensa@galizacig.com