Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 11/7/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A Secretaría da Muller denuncia que a reforma la Lei de Dependencia suporá que os traballos de coidado volvan caer nas mulleres

O goberno anuncia unha redución dun 15% nas pagas de coidadores/as e a eliminación da cotización á Seguridade Social para as novas incorporacións
A Secretaría da Muller da CIG denuncia que a reforma da Lei de Dependencia, que anunciará o Goberno español no Consello de Ministros/as deste venres, supón un paso máis na desaparición da cuarta columna do estado do benestar, e que o recorte implicará que moitos dos traballos dos coidados volverán a caer nas mulleres.

Se en decembro de 2011 xa anunciaran unha moratoria para as axudas ás persoas con dependencia moderada, o cal veu acompañado dunha redución orzamentaria dunha lei que desde a súa aprobación careceu de recursos suficientes para aplicala,  co anuncio da redución dun 15% nas pagas de coidadores/as e a proposta de que, a partires de agora, as novas incorporacións ao sistema non cotizarán á Seguridade Social, estase a fomentar desde o Goberno unha precarización das condicións nas que os familiares coidan ás persoas dependentes, e na práctica, un fomento da economía somerxida.

Pero a proposta non queda aí, denuncia a Secretaria de Muller e Mocidade da CIG, Margarida Corral, xa que o Goberno español anunciou  tamén a eliminación da retroactividade durante dous anos, o cal fará que se engrosen as xa de por si longas listas de agarda. “E que as persoas afectadas teñan que estar moito máis grave que agora para que se lles recoñeza calquera grao de dependencia”.

A reforma da Lei de Dependencia vai acompañada dun novo copagamento en función dos ingresos dos usuarios e usuarias. Tamén dunha nova iniciativa dirixida a reducir orzamentariamente a rede de servizos sociais das corporacións locais, e polo tanto, de recortes na asistencia a domicilio,  o cal é contraditorio coa defensa da medida exposta pola Ministra, quen aseguraba que con esta iniciativa se fomenta a prestación de servizos fronte as pagas ao coidado familiar. Tampouco se fomenta a formación da persoa coidadora, xa que esta iniciativa non vai acompañada de ningún tipo de actividades formativas, simplemente se esixe uns coñecementos mínimos para que se lle conceda a asignación.

“É máis, coa escusa de profesionalizar a atención, potencian a prestación económica vinculada ao servizo, e por tanto aumentan o copago das persoas beneficiarias, xa que os servizos de facto xa se están a privatizar por parte de boa parte da administración local. Escollen, polo tanto, facer negocio co que realmente debería sosterse con fondos públicos”, critica Corral.

Deste xeito, a presión social cara as mulleres aumenta, na mesma medida que diminúen os recursos e a cobertura por parte do Estado e das Comunidades Autónomas. Estase a incidir, unha vez máis, nunha privatización e copagamento dos coidados, que se asumirán no privado polas familias, e polo tanto, polas mulleres.

As medidas postas en marcha polo goberno de Rajoy, deixan á marxe a perspectiva de xénero e o impacto destas medidas sobre as mulleres, poñendo de novo en perigo moitos dos logros acadados en materia de igualdade no ámbito laboral e social.

No canto de desenvolver a Lei de dependencia, e de pular polo reparto equitativo do traballo dos coidados, acometen recortes nunha lei que a pesares de que non se chegou a aplicar na súa totalidade en Galiza, nin no conxunto do Estado, supoñía pór as bases dun estado de benestar onde os servizos e as prestacións sociais deben dar resposta ás necesidades dos sectores máis vulnerábeis da sociedade, acentuadas nunha situación de crise como esta.

“É ben certo que a lei debía construír solucións alternativas que permitisen eliminar a división sexual do traballo, a sobreexplotación dunha parte da poboación para o benestar da outra, mais a pesares de que algunhas das prestacións e axudas recollidas na lei supuxeran que o coidado seguira en mans das mulleres, con iniciativas como as presentadas, non só non se muda esta situación, senón que se agrava ao eliminar a posibilidade de obter unha remuneración por eses coidados, e mesmo de cotizar por eses servizos” asevera.

A Secretaria da Muller da CIG asegura que esta crise está sendo utilizada polo Partido Popular para acometer recortes en todos os servizos públicos (sanidade, educación, dependencia), “sabedores de que se o estado non se fai cargo, en última instancia serán as mulleres as encargadas, unha vez máis, de facelo, e conscientes de que recortando na administración pública, limitan tamén a nosa presenza no ámbito laboral”.

cig.prensa@galizacig.com