Cómpre lembrar que os/as cinco traballadores/as despedidos hai xa case dous meses víronse na obriga de emprender accións xudiciais contra da empresa porque a día de hoxe aínda lles debe arredor duns 150.000 euros.
A CIG volveu demandar as formacións políticas presentes no consello de administración do ente feiral que, dunha vez por todas, se impliquen de cheo e de inmediato na fiscalización da institución, co obxectivo de evitar o desmantelamento da feira de mostras como institución pública e o seu reparto entre empresas privadas, xa que isto suporía a desaparición de máis postos de traballo.
Así mesmo, dende a central sindical subliñouse o enorme potencial económico destas instalacións para as comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal e reclamouse do Concello (propietaria dun 45% do recinto de Punta Arnela) que solicite do seu socio na Feira de Mostras os detalles de contratación de cantas actividades se teñen realizado nos últimos meses “para poñer luz sobre as condicións en que se arrendan as instalacións, a posíbel vinculación dos organizadores ou provedores das mesmas co propio Consorcio pro Feiras e os ingresos que cada unha destas actividades deixan en FIMO”.