Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 11/7/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Marcha a pé dende Mafecco até o Concello de Arteixo en contra do ERE e para esixir a implicación da administración

As traballadoras, que levan toda a semana en folga, lembran que este xoves remata o período de consultas do ERE
As traballadoras de Mafecco afectadas polo ERE de extinción, que esta semana están en folga, continuaron este mércores coas mobilizacións en contra dos despedimentos e para esixir das administracións locais e galega unha implicación real na defensa dos postos de traballo. O persoal volveu advertir que o obxectivo real da dirección é desmantelar a cadea de produción para levar fóra a fabricación das prendas.

Nesta ocasión, o persoal realizou unha marcha a pé (duns 45 minutos) dende as instalacións da empresa téxtil no Polígono de Sabón até as portas do Concello de Arteixo. Alí permaneceron concentradas e coreando consignas contra o ERE e os recortes aplicados polos gobernos, até que finalmente foron recibidas polo alcalde, a quen lle reclamaron unha defensa clara dos empregos diante das pretensións da empresa. Porén, neste encontro non se acadou un compromiso firme a este respecto.

O Comité de Mafecco e a CIG reclaman a intervención urxente tanto das administracións municipais como da Xunta de Galiza na defensa dos postos de traballo, especialmente tendo en conta que mañá xoves remata o período de consultas e a partir de entón, grazas as facilidades introducidas pola reforma laboral do PP, a empresa xa poderá comezar a entregar as cartas de despedimento.

A este respecto, a responsábel do téxtil da CIG, Dores Martínez Castelo, lamentou que o Goberno galego pretenda desentenderse deste conflito alegando que xa non ten ningunha competencia directa na autorización ou desestimación dos EREs. “Se isto é así é porque os defensores da reforma laboral así o quixeron e así o aprobaron, porque coa reforma laboral danse por autorizados todos os expedientes de regulación de emprego”, censurou.

Dende o Comité valoran que os despedimentos non son unha solución aos problemas que poida ter a fábrica de Sabón, xa que a empresa continúa tendo carga de traballo e mesmo as traballadoras tiveron que mudar o calendario de vacacións para poder sacar adiante os pedidos. “O obxectivo é a deslocalización da produción”, denuncian, “e así o demostra o feito de que maioría do persoal afectado polo ERE está ligado á cadea de fabricación. Se non ten pensado reducir o volume de fabricación, tal e como di na memoria explicativa, queda claro que é porque vai confección fóra da fábrica”.

Neste senso, Dores Martinez quixo remarcar que os procesos de deslocalización do sector téxtil estanse realizando non só cun elevado custe laboral, senón tamén con cartos públicos. “Sobre esta cuestión queremos facer unha chamada de atención ás institucións públicas, empezando polas municipais e continuando pola Xunta, que non só están deixando na estacada os postos de traballo, senón que ademais se están subvencionando con cartos de todos os galegos e galegas a deslocalización da produción”, lamentou  

cig.prensa@galizacig.com