María Carme López Santamariña, representante da Área Pública da CIG na Mesa, explica que dez minutos antes da hora fixada para a celebración da xuntanza, foron recibidos polo Secretario de Estado de Administracións para as Administracións, Antonio Beteta. “Alí mesmo manifestamos o noso rexeitamento ás medidas propostas e denunciamos as formas da convocatoria, o ataque sistemático ao que se someteu ao persoal da administración nestes últimos días e ao feito de que se fixera o anuncio das novas medidas sen pasar previamente pola Mesa de Negociación”.
López Santamariña engade que tamén adiantaron que se a única información que ían recibir na xuntanza era a xa dada polo presidente do goberno, non tiña sentido xa a convocatoria. “Ante a confirmación de que efectivamente sería así, acordamos non chegar a sentarnos”, sinala.
A convocatoria tiña como único punto da orde do día a presentación dun novo “Real Decreto de medidas urxentes de racionalización e redución do gasto en materia de emprego público, de acordo co estabelecido no artigo 36.2 do estatuto Básico do Empregado Público”.
Foi remitida ás 18:00 horas do pasado luns día 9 de xullo para celebrar a xuntanza este mércores ás 17:00 horas, nin sequera con 48 horas de antelación e sen aportar ningún tipo de documentación.
A Área Pública da CIG reitera o seu chamamento ao resto de organizacións sindicais para elaborar un calendario de mobilizacións co obxecto de paralizar estas gravísimas medidas.