As mobilizacións protagonizadas polos traballadores e traballadoras do sector poñen ademais en cuestión o modelo de relacións laborais que quere impor a patronal, baseado na precarización das condicións de traballo, nos baixos salarios e o debilitamento do movemento obreiro, ademais do dumping social a través da contratación de empresas estranxeiras que incumpren o estipulado no convenio colectivo.
Por iso, a CIG entende que estamos diante dun conflito de especial importancia sindical. Algo que tamén sabe a patronal, o que explica a actitude de especial dureza que mantivo forzando unha folga de 30 días no sector, un conflito que aínda non rematou e ao que a CIG vai seguir dando o seu total apoio.
Política represiva do PSOE
A CIG denuncia ademais a política do PSOE, a través das subdelegacións do goberno e da fiscalía, pola vía de reprimir con dureza as mobilizacións dos traballadores/as e cando iso non é dabondo, pola vía do castigo impondo multas gubernativas, ou denunciando nos xulgados a dirixentes sindicais e traballadores, chegando mesmo a solicitar penas de prisión para os traballadores/as detidos durante o conflito.
Ante esta situación, que xa se ten dado en conflitos anteriores do Metal, pero tamén da Construción e outros, a CIG acordou abrir esta campaña de recollida de fondos para axudar a cubrir os gastos derivados do conflito.
Por iso, abriu unha conta en Caixanova baixo o nome de Fondo de Solidariedade coa Loita do Metal co número 2080 04 6390 0040120137, onde se poden facer as aportacións solidarias coas compañeiras e compañeiros.