Segundo explica o director da Fundación, Manuel Mera, preténdeselle así render homenaxe e dar o merecido recoñecemento a Xosé Ramón Reboiras, polo papel que xogou como xermolo do sindicalismo nacionalista que deu no que hoxe é a Confederación Intersindical Galega.
36 aniversario do seu asasinato
Na madrugada do 12 de agosto de 1975, máis de 300 axentes dos corpos represivos da ditadura franquista rodeaban o edificio no que se atopaba Moncho Reboiras xunto con outros dous compañeiros, na Rúa da Terra en Ferrol. Ao pé do portal, o militante nacionalista era acribillado a tiros. Un deles na caluga. Van xa 36 anos desde aquel asasinato.
O seu delicto, tal e como foi recoñecido nun acto oficial celebrado o 12 de agosto de 2009 na delegación do Goberno da Coruña, foi a súa “defensa do movemento sindical e a súa militancia nacionalista”. Por iso foi obxecto de “persecución e violencia” e en cumprimento da Lei de Memoria Histórica, a súa familia recibía o certificado de “reparación e recoñecemento persoal”.
Do mesmo xeito a, en diante, Fundación Moncho Reboiras recoñece a súa figura e o seu papel sobranceiro no proceso de construción do sindicalismo nacionalista. “As arelas que animaron aos que loitaban contra o franquismo no noso país, son feitos e anceios que non se poden esquecer”, afirma Manuel Mera.