O director da residencia, explican, marchou de vacacións derivando a responsabilidade, no caso de existir algunha urxencia, á Xefatura Territorial da Coruña, polo que o centro queda baixo a xestión “dos mandos intermedios coa supervisión dende A Coruña”. Isto a pesar de que a administración obriga a que en cada departamento da residencia ten que quedar un responsábel durante o período vacacional “a non ser no departamento que xestiona a Residencia”.
Segundo o V Convenio Colectivo do persoal laboral da Xunta de Galiza o calendario das vacacións tense que ultimar en cada centro entre a dirección e a representación do persoal, tendo en conta a natureza específica do centro e o seu correcto funcionamento antes do 30 de abril de cada ano. Cousa que así se cumpriu, “pero para o común dos traballadores/as, con autorizacións e denegacións xusto até o último momento” para que a Xunta puidese pór en práctica a súa suposta política de austeridade “facendo encaixe de palillos para cadrar as quendas, coas mínimas substitucións posíbeis e con empregados/as que teñen que traballar tres fins de semana seguidos e co centro a mínimos”, denuncian dende a CIG-Autonómica.
Por iso, dende a Federación en Ferrol advirten que os traballadores e as traballadoras non serán os responsábeis da falta de goberno da residencia de Caranza, no caso de producirse unha urxencia.