Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 11/9/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A Mesa participa en Polonia no Consello Xeral da Axencia Europea para as Linguas Minorizadas

Carlos Callón, presidente do Comité do Estado español desta entidade
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, participa en Gdansk (Polonia) no Consello Xeral da Axencia Europea para as Linguas Minorizadas (EBLUL), no cal se porán en común experiencias de diferentes entidades que traballan en varios puntos do continente en defensa das linguas que están en proceso de normalización social. O representante galego, ademais, será designado formalmente como presidente do Comité desta Axencia Europea no Estado español, cun mandato que durará os próximos tres anos.

Na asemblea, intercambiaranse experiencias e estratexias na defensa das linguas minorizadas. Nese sentido, A Mesa presentará as súas actividades no último ano, facendo fincapé nas denuncias de casos de vulneración de dereitos lingüísticos, no funcionamento do servizo A Liña do Galego, no programa de Voluntariado de Activación Lingüística, na organización do Correlingua (conxuntamente coa CIG-Ensino e a AS-PG), así como na pasada mobilización nacional do 18 de maio realizada co lema “Polo dereito a vivirmos en galego” e que congregou a arredor de 25.000 persoas.

Intercambio de información

A Mesa ten como un dos seus obxectivos dar a coñecer tamén a nivel internacional a nosa realidade lingüística e cultural. Nese sentido, xa se teñen posto en andamento actividades de intercambio de información e asesoramento, tanto con entidades doutras zonas de Europa como doutros puntos do planeta, como recentemente para a lingua mapuche en Chile ou o guaraní no Paraguai.

Ademais, no último ano A Mesa levou a cabo un amplo traballo de asesoramento ao Consello de Europa, achegándolle informes e mantendo entrevistas co Comité de Expertos encargado de facer seguimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias.

cig.prensa@galizacig.com