marco
Compostela, 11/9/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A baixa por enfermidade non prexudica o dereito a vacacións

O Tribunal de Luxemburgo ditou unha sentenza que recoñece o dereito do traballador a que lle sexa marcado outro período de ferias
O Tribunal de Xustiza de la UE recoñeceu, na sentenza do 10 de setembro de 2009, que un traballador que estea de baixa por incapacidade temporal durante o período fixado no calendario de vacacións da empresa ten dereito a gozalas unha vez que sexa dado de alta.

Aínda manifestando que a Directiva 2003/88 non se opón a que o traballador que o desexe poida gozar das súas vacacións anuais retribuídas durante unha baixa por enfermidade, o Tribunal salienta que o traballador que non queira facer coincidir baixa e vacacións ten dereito a pedir un período diferente para o gozo desta últimas, que mesmo pode recaer fóra do ano natural se non for posíbel desfrutalas antes.

Días retribuídos

Os xuíces do Tribunal de Luxemburgo resolveron así a cuestión prexudicial (consulta) formulada polo Xulgado do Social núm. 23 de Madrid para decidir o caso dun traballador da empresa Madrid Movilidad, S.A., ao cal lle fora denegado o dereito a gozar de días libres remunerados por ter caído de baixa durante as datas fixadas para as súas vacacións.

Segundo o calendario de vacacións da empresa, o traballador debía gozar as súas vacacións do 16 de xullo ao 14 de agosto e o traballador estivo de baixa médica por un accidente laboral do 3 de xullo ao 13 de agosto.

Cando o traballador recibiu a alta, pediu un novo período de vacacións entre o 15 de novembro e o 15 de decembro, mais a empresa denegou a petición, polo que o afectado presentou unha demanda perante a xurisdición social.

Leis estatais

O Tribunal de Xustiza lembra na súa sentenza que "todos os traballadores dispoñen dun período de, cando menos, catro semanas de vacacións anuais retribuídas" e afirma que a normativa europea non se opón, en principio, a que as lexislacións estatais estabelezan modalidades específicas para o gozo das vacacións.

Os maxistrados admiten que a lei estatal pode prever a perda do dereito a vacacións retribuídas por parte dun traballador que, podendo facelo, non desfrutou dos seus días de descanso durante o período de referencia fixado no dereito estatal.

Porén, en casos de baixa por enfermidade, o traballador debe poder gozar das súas vacacións noutro momento, mesmo fóra do período anual de referencia, cando a súa ausencia ao traballo por enfermidade coincidira total ou parcialmente co período marcado para as súas vacacións no calendario da empresa.