A resolución vén motivada pola denuncia trasladada dende a CIG de Valdeorras e CCOO polo peche patronal ilegal decretado pola empresa o pasado 27 de xullo, impedindo deste xeito á entrada ás instalacións aos traballadores e traballadoras que pretendían reincorporarse aos seus postos logo de varios días de folga (en demanda do pagamento das nóminas atrasadas).
Pola súa parte, a dirección da louseira alegou que a comunicación realizada polas organizacións sindicais fíxose “tardiamente” e que polo tanto non tiña tempo para “pór en marcha a maquinaria para iniciar a produtividade tan rapidamente”. Non obstante, os argumentos aducidos por IPISA non son convincentes para a Inspección de Traballo que, aínda que non iniciou un expediente sancionador, si remitiu unha “acta de advertencia” á louseira.
Á espera da resposta da Xunta
Por outra parte, dende a CIG-Valdeorras lamentaron que a Consellaría de Traballo aínda non teña respondido á carta enviada polos traballadores/as de IPISA solicitando a mediación da conselleira nun conflito que se vén agravando dende hai anos e de cara a á buscar unha solución que evite a destrución dos máis de cen empregos xerados pola louseira.
Así mesmo, lamentaron que o “superdelegado” da Xunta, que na mañá do 11 de setembro estivo de visita en Valdeorras para reunirse cos empresarios do sector, non tivera a ben xuntarse tamén cos traballadores de IPISA, que levan semanas agardando ser recibidos polo goberno galego.