Como xa se anunciara o pasado mes de agosto, as traballadoras de Limpezas Ames, subcontratada neste concello para realizar os labores de limpeza en diversos locais municipais, iniciarán unha folga indefinida a partir do vindeiro luns para reclamar o pagamento das tres mensualidades adebedadas.
Os paros afectarán ao servizo de limpeza do Xulgado de Paz, unha nave do concello, á oficina de Urbanismo, á oficina da Policía Local, á Casa da Cultura do Milladoiro e ao colexio de Ventín. Non obstante, quenda excluídos da folga o Colexio Bispo Guerra Campo, Agro do Muíño e Varouta.
Isto é así, segundo explicou Roberto Alonso, secretario comarcal da CIG-Servizos en Compostela, porque o Concello ten adxudicado a concesión do servizo de limpeza destes centros a unha nova empresa, “supomos que a raíz das denuncias feitas públicas pola CIG, ”.
Non obstante, Alonso criticou ao alcalde do municipio coruñés por manter á concesión a Limpezas Ames cando hai tres anos as traballadoras xa padeceran unha situación semellante. “Ao final parece que as traballadoras son as malas por querer cobrar polo traballo que fan”, lamentou o responsábel da CIG-Servizos, quen rexeitou a escusa da propietaria da empresa para non pagar, alegando que o Concello lle adebeda cartos. “Iso non é problema do persoal, que se arranxen entre eles”, aseverou.
Así mesmo, Alonso comunicou que ao parecer houbo un levantamento parcial de Facenda, aínda que sospeita que este feito tampouco vai supor que as traballadoras cobren os salarios atrasados. Neste senso, hai que lembrar que sobre esta pesa un embargo da Axencia Tributaria e da Seguridade Social.
Recorte do horario de traballo da nova concesionaria
A respecto da nova adxudicación da concesión nos centros de ensino, o secretario comarcal da CIG-Servizos instou ao rexedor local a aclarar se ten coñecemento do recorte do horario de traballo decretado pola nova empresa, que ten reducido en 20 horas o tempo destinado ao servizo de limpeza do colexio Bispo Guerra, a pesar de terse incrementado o número de alumnos e o tamaño das instalacións. “Sumando a xornada de traballo total no Bispo Guerra, Agro do Muíño e Varouta, danos que a empresa destina catro traballadoras e un cuarto á limpeza dos tres centros, cando a concesión ten unha dotación económica de 202.000 euros para dous anos”, explicou Alonso.
Segundo estes datos, a Federación calcula que por cada traballadora (falando sempre de xornada completa) a empresa debería destinar 2.000 euros, polo que reclamou aos responsábeis políticos que estean vixiantes sobre esta cuestión.
Así mesmo, informou que unha traballadora que tamén realiza as funcións de conserxe no centro da Varouta atopouse o seu posto ocupado por unha persoa designada polo concello, sen que fose avisada desta situación nin pola empresa nin polo goberno local.