Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 11/9/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG concreta un novo calendario de mobilizacións para acumular forzas de cara a unha nova folga xeral

Máis de 1.200 delegados/as participan nunha asemblea e posterior manifestación polas rúas de Santiago
A Confederación Intersindical Galega concretou hoxe un novo calendario de mobilizacións para rexeitar a política de recortes que está a aplicar o PP na Galiza e no Estado español e para acumular forzas de cara a unha nova folga xeral. A central nacionalista celebrou hoxe unha asemblea nacional en Santiago de Compostela na que participaron máis de 1.200 delegados/as e que serviu para analizar o actual contexto da crise económica. Ao remate do acto, no que tamén se debateu a resposta que debe de dar o sindicato aos ataques do capital, marchouse en manifestación até San Caetano.

A CIG valorou finalmente a conveniencia de adiar a convocatoria dunha folga xeral -prevista inicialmente a finais de setembro- co obxectivo de acumular forzas cos demais sindicatos e lograr unha resposta masiva como a do pasado 19 de xullo. Deste xeito, a central nacionalista porá en marcha un novo calendario de mobilizacións que dará comezo a finais de setembro con concentracións en todas as comarcas coincidindo coa aprobación dos orzamentos xerais do Estado.

A continuación, o 4 de outubro, celebraranse manifestacións en todo o país coincidindo co inicio da campaña electoral para amosar “o noso rexeitamento público ás políticas do PP en Galiza e no Estado español”.

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, foi o encargado de inaugurar a asemblea facendo un repaso das principais causas da crise económica. O máximo responsábel da central nacionalista lembrou que se trata dunha problemática xerada polo grande capital a través da especulación financeira, chegando ao seu punto máis alto coa actual especulación coa débeda pública dos países.

Seixo advertiu tamén contra “os ataques ás pensións e á negociación colectiva, xa que pretenden facer competitiva a economía española mediante recorte de salarios”. Neste senso, indicou que a CIG ten calculado que a baixada de soldos podería achegarse ao 20-25%.

Ao mesmo tempo, censurou que as medidas que está a aplicar o PP dende e Xunta e dende o Goberno español “non están a servir para saír da crise senón que provocan máis recesión, perda de dereitos e empeoramento das condicións de vida da clase traballadora”. Fronte a isto -lembrou- hai políticas alternativas que teñen que ser implementadas “en función da maioría social e non da banca e dos especuladores”.

No que respecta á resposta sindical, Seixo amosouse moi crítico coa actitude do sindicalismo españolista, ao que acusou de seguiron coa política da pacto social, de diálogo co poder. “Chegaron a acordos cos responsábeis da crise para baixar salarios, atacar e reducir as pensións porque pretenden impedir o acceso da maioría social ao sistema público de pensións co obxectivo de promover o sistema privado, do que se benefician grandes empresas e sindicatos como CCOO e UGT”, asegurou.

Pola contra, lembrou que a CIG aposta dende o comezo pola mobilización e a contestación social. “Sempre dixemos que a única saída a esta crise era concienciación da clase traballadora e loita por un modelo económico e social máis xusto e solidario; por iso non aceptamos entrar nas mesas de diálogo social en Galiza, onde se sentan o PP e os empresarios”.

Finalmente, apostou por lograr “máis poder para o pobo galego, máis soberanía política para o noso país que nos permita decidir as nosas  propias políticas económicas, en materia de facenda e emprego”, e chamou a desterrar o PP das institucións. “Se isto se produce poderemos velo como unha vitoria da clase traballadora galega”, rematou.

Manifestación até San Caetano

Unha vez concluído o acto, máis dun milleiro de delegados/as marchou en manifestación polas rúas de Santiago de Compostela até o complexo administrativo da Xunta en San Caetano. As consignas máis escoitadas durante o camiño foron “Contra a reforma, contra a patronal, loita obreira e acción sindical”, “A crise social que a pague o capital”, “Hai que recortar o Partido Popular” ou “Os cartos dos banqueiros para os soldos dos obreiros”.

Xa diante do edificio administrativo o secretario xeral da CIG dirixiuse de novo a todos/as os/as presentes para agradecerlles o seu compromiso e lembrarlles que a central nacionalista seguirá a convocar mobilizacións e a dar a batalla na rúa até conquistar “un modelo máis xusto e solidario”.

Galería de imaxes

cig.prensa@galizacig.com