Partindo de que a negociación colectiva ten que se estabelecer directamente coa clase traballadora, que é quen ten que participar e decidir sobre os contidos dos convenios, Antolin Alcántara fixo unha análise da situación na que se atopan os salarios en Galiza. Así, salientou que segundo a OCDE, entre os anos 1997 e 2007 os salarios situáronse 11 punto por baixo da inflación. Ademais, lembrou que o Instituto Galego de Estatística vén de alertar de que, en Galiza, o peso no PIB das rendas do traballo é inferior ao peso das rendas do capital. De feito, no ano 1980 as rendas do traballo representaban o 60%, porén na actualidade, os ingresos do capital representan máis que os ingresos do 80% restante, da clase traballadora.
“Esta situación vén provocada polas políticas de contención salarial aplicadas durante estes anos sustentadas no discurso da competitividade”, denunciou Alcántara quen afirmou que “Galiza non é máis competitiva malia ter uns salarios un 30% máis baixos que en Madrid ou Cataluña onde sempre tiveron máis emprego, máis actividade e están sufrindo con menos intensidade as consecuencias da crise”.
Pacto Social / Diálogo Social
O documento de Negociación Colectiva para 2010 elaborado pola CIG explica tamén que o cada vez máis desigual reparto da riqueza apoiase principalmente na retirada de dereitos da clase traballadora a través das sucesivas reformas laborais que teñen afondado na precarización no emprego, a elevación da xornada laboral, a privatización e a subcontratación das actividades públicas. Todo isto, ao longo do tempo, soportado nun modelo de Pacto Social que fixo retroceder o enfrontamento de clases, domesticou a moitas organizacións sindicais, presas desta disciplina e compensadas economicamente, perdendo peso a loita ideolóxico-política e conciliados na supervivencia do sistema.
O modelo de pacto social alimentou o declive dos salarios –a capacidade adquisitiva decrece sistematicamente de xeito imparábel- e o sindicalismo español actuou e continúa actuando como colaborador necesario na perfección do modelo.
A mecánica de diálogo social ten dúas perversidades destacadas: traslada o ámbito de decisión ás cúpulas das organizacións -é dicir, ás súas superestruturas, neutralizando o modelo de participación dos traballadores- e distancia a negociación a Madrid. Estes dous factores subordinan a negociación colectiva de proximidade, na que a clase traballadora debe ser o principal activo na toma de decisión.
A referencia do IPC
A isto hai que engadir, segundo denunciou o secretario confederal de Negociación Colectiva, as repercusións de tomar o IPC, un indicador que non é neutral, como referencia para calcular os incrementos salariais. Alcántara lembrou que no ano 1994, na penúltima reforma, eliminouse o prezo da adquisición de vivenda para o seu cómputo. “A consecuencia foi tremenda porque a partir de aí o prezo da vivenda sufriu unha alza exponencial e, de terse en conta, o impacto sobre o IPC sería dun 7% máis”.
En 2001, na última reforma que se aplicou, xusto antes da entrada no euro, e precisamente para reducir o impacto do cambio de moeda sobre a inflación, reduciuse o peso da alimentación no seu cálculo. De manterse como até esa data, o IPC tería aumentando máis dun 4%.
Ao aplicar este indicador para calcular o incremento dos salarios, das pensións, das prestacións por desemprego... prodúcese unha diminución da capacidade adquisitiva. Por iso, a CIG, no canto de tomalo como referencia ten calculado que o salario medio en Galiza será neste ano duns 18.100 euros, sobre os que aplicará un 3%, que dá como resultado 540 € de incremento anual. “Aquel salario inferior á media prevista que non se incremente dese xeito perderá poder adquisitivo”, asegurou o secretario confederal de Negociación Colectiva.
Xornada laboral
Alcántara denunciou que a consecuencia dos EREs moitas empresas están aproveitando para estabelecer a xornada flexíbel con carácter permanente e non como unha medida puntual, mentres se mantén a crise. Aproveitase, xa que logo, a situación para introducir unha reforma pola que veñen pulando desde a CEOE, que afecta ao emprego e que ten un grande alcance polo que significa de perda de dereitos para a clase traballadora.
A CIG entende que os efectos da sobreextensión da xornada ou da xornada flexible amortizan emprego, polo tanto “calquera acordo destas características debe ser estritamente temporal en función do momento e das circunstancias da crise en cada ámbito”.
Contrato alemán
Esta modalidade de contratación, inspirada na Directiva Europea de Flexiseguridade e aplicada inicialmente en Alemaña, fai compatíbel a redución temporal do contrato a xornada parcial coa prestación proporcional da prestación por desemprego. As dúbidas da súa aplicación técnica no estado español, sen regulamentación concreta neste intre, inducen a pensar que podería tratarse de idéntica maneira a un ERE de xornada parcial, consumindo as prestacións e sen cubrir o 100% do salario.
Para a CIG o máis preocupante é se só se aplicaría neste tempo de crise ou se se converte nun contrato estandar con vixencia indefinida. Por iso estará vixilante para evitar unha aplicación abusiva desta modalidade e que só se aplique cando estean documentadas e demostradas as causas e controlará tamén a súa aplicación discriminatoria sobre determinados grupos do cadro de persoal, así como unha teórica práctica antisindical de castigo sobre traballadores/as relacionados co sindicalismo nas empresas.
A crise como escusa para paralizar medidas de promoción da igualdade
Pola súa banda, Margarida Corral Sánchez, secretaria confederal de Muller, denunciou a parálise que está a sufrir a aplicación da Lei de Igualdade e a posta en marcha de plans de igualdade nas empresas por mor da crise. “A propia administración, que foi a que creou un regulamento lexislativo sen precedentes nesta materia agora amosa unha forte pasividade en torno a estas cuestións”.
Corral Sánchez lembrou que a traslación aos convenios colectivos das medidas de igualdade non alcanzou a velocidade prevista inicialmente e que xa “non atopamos mención algunha ao impulso do emprego feminino nin á protección do colectivo desempregado máis vulnerábel, que está composto maioritariamente por mulleres”.
Do mesmo xeito, denunciou que xa non se traballa en reformas legais para fomentar a corresponsabilidade, como é o caso da ampliación dos permisos de paternidade e maternidade, mentres que se seguen a potenciar as excedencias por coidado e, pola contra, anúncianse novas medidas de fomento do emprego a tempo parcial”.
Por iso, adiantou que desde a CIG non se aceptará a xustificación da crise como escusa “para reducir postos de traballo e para non desenvolver as medidas de igualdade adoptadas para frear a discriminación laboral e favorecer a conciliación” e se incidirá na inclusión e aplicación destas medidas nos convenios que negocie a central sindical.
A secretaria confederal de Muller salientou, en concreto, medidas relacionadas cos permisos de paternidade e maternidade, en caso de adopción e acollemento, relacionados coa lactación, sobre excedencias, ordenación do tempo de traballo, riscos durante a preñez, medidas de acción positiva, elaboración de plans de igualdade e moi especialmente medidas contra a violencia de xénero.