Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 12/11/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG demanda a apertura dunha negociación sobre o futuro das Caixas nunha mobilización diante de Facenda en Compostela

Concentración de delegados e delegadas da CIG de Caixanova e Caixa Galicia
Delegados e delegadas da CIG en Caixa Galicia e Caixanova concentráronse o día 12 de novembro diante da Consellería de Facenda baixo o lema “Por un plano de futuro negociado para as Caixas de Aforro. En defensa do emprego, da galeguidade e do carácter social”. A central sindical nacionalista demandaba asi diante dos responsábeis do goberno autonómica nesta materia que se abra unha negociación sobre o futuro das caixas galegas, xa que estamos a falar de máis de 3.000 traballadores e traballadoras afectadas por esta posíbel operación financeira, e na actualidade máis de 7.000 persoas traballan nas caixas galegas.

O pasado 19 de outubro ás 11:48 horas, a CIG remitiu escrito á Conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás solicitando unha reunión co fin de coñecer de primeira man as alternativas que baralla a Xunta de Galiza para as Caixas de Aforros, e para dar a coñecer a visión do sindicato. Dende aquela a CIG non recibiu ningún tipo de contestación, até a propia xornada de mobilización, onde posteriormente e por via telefónica a Consellaria de Facenda transmitiu que esta xuntanza tería lugar na maior brevidade posíbel.

A fusión afectaría a 3.000 persoas

Como calquera das alternativas que se barallan terán un impacto sobre o emprego e ante o desprezo de quen se nega a escoitar a primeira forza sindical nas Caixas Galegas, a CIG concentrouse ante a Consellería de Facenda para demandar un plano de futuro negociado que inclúa garantías en materia de emprego. Neste senso alertouse que a fusión das Caixas Galegas pode afectar a 1.500 postos de traballo, pero que as fusións con Caixas de outras comunidades pode duplicar este custe.

Concentración de delegados/as da CIG nas dúas caixas

Os protagonistas da concentración, que durou unha hora, foron os delegados e delegadas da CIG en Caixa Galicia e Caixanova, que demostraron que máis alá da disputa personalista dos altos directivos e das disputas localistas, o persoal das empresas está unido na defensa dos postos de traballo, e das Caixas de Aforros Galegas, porque diso se trata.

Manter a galeguidade das caixas

Lembraron tamén que é imprescindible manter a galeguidade das Entidades, como aprobou o Parlamento Galego o ano anterior, pero que tamén é preciso manter o carácter social evitando o proceso de privatización previsto polo Goberno central e o Banco de España.

Continuarán as mobilizacións

Anunciaron que esta era a primeira mobilización dun conflito que irá de menos a máis; na vindeira semana a CIG ten convocadas Asembleas de Traballadores e Traballadoras que comezarán por Ourense e Vigo.

Dado que o acto transcorreu no medio dun diluvio, ao remate anunciaron "Hoxe a CIG mollouse, agora ten que mollarse a Xunta de Galicia".

 

cig.prensa@galizacig.com