"Estamos aqui porque cos orzamentos da Xunta, o Goberno Galego decidiu suspender a aplicación de acordos que xa estaban negociados, asinados e publicados no DOG. É unha medida que pon en dúbida o ámbito de negociación sindical que temos, que é a Mesa Sectorial, porque o que fai é que perde todo o seu sentido, ao non aplicar acordos xa asinados. Simplemente estamos reivindicando que se aplique o que xa está asinado", explicaba asi o peche do 12 de novembro no Hospital Xeral, Manuel Gónzalez Moreira, da CIG-Saúde de Vigo.
Peches desde pola mañá
Ás once da mañá daba comezo o peche no Hospital Xeral, en Pontevedra e no Chou, mentres que era ás oito da mañá cando no Barco comezaban xa con esta mobilización.
A ampla participación e o bo ambiente entre os traballadores e traballadoras da sanidade pública está a ser a nota dominante nesta nova xornada de peches simultáneos nas provincias de Ourense e Pontevedra.
Reunión da Mesa Sectorial
Sobre as vías de comunicación abertas coa Administración autonómica, "na anterior mesa sectorial todas as organizacións sindicais marchamos porque os responsábeis da administración que estaban nesta mesa dixeron que non eran quen de negociar ningún aspecto sobre os acordos, xa que era un acordo que viña desde o goberno, e que na mesa sectorial non se podia negociar. Reclamamos á Conselleira de Sanidade e ao Presidente da Xunta que abriran unha mesa de negociación con persoas que puideran negociar. A Conselleira comprometeuse a convocar a mesa con persoas que si que tiveran capacidade de negociación, e está convocada para esta mesma xornada polo que estamos á espera do que aconteza", informaba Manuel Gónzaléz Moreira, da CIG-Saúde de Vigo, desde o peche do Xeral.
Máis imaxes
Na galería fotográfica da nosa web podedes atopar máis imaxes desta xornada ou nesta ligazón.