A sesión da tarde da V Asemblea da Comarcal de Lugo-A Mariña iniciábase coa presentación das candidaturas para a Secretaría, Executiva Comarcal e Consello Confederal. No primeiro dos casos, tan só concorreu unha lista, a encabezada por Xosé Ferreiro, que saíu elixida con 177 votos a favor, 55 en contra e 29 papeletas nulas.
No caso da Executiva comarcal presentáronse tres listas, encabezadas por Xosé Ferreiro, Carme Antas e Nieves Somoza, que acadaron 162 votos, 72 votos e 26 votos respectivamente. Así, os nove membros que formarán parte da Executiva son os seguintes:
-Xosé Ferreiro Fernández
-Susana Riveira Fernández
-Antonio Niño Saavedra
-Mercedes Mourenza Fernández
-Lois Nieto López
-Dulce Neira Fraga
-Carme Antas Pérez
-Esther Vila Vázquez
-Nieves Somoza López
Ao igual que na Executiva, ao Consello Confederal tamén concorreron tres candidaturas, encabezadas novamente por Xosé Ferreiro, Nieves Somoza e Carme Antas. A primeira das listas recibiu 160 votos de apoio, a segunda 31 e a terceira 69 votos dos/as congresistas presentes. Deste xeito, os/as representantes da Comarca de Lugo-A Mariña no Consello Confederal son
- Xosé Ferreiro Fernández
- Xosé Manuel López Pérez
-Xorxe Caldeiro Díaz
-Lois Nieto López
-Carme Antas Pérez
-Esther Vila Vázquez
-Nieves Somoza López
Resolucións de apoio
Antes de proceder á clausura da V Asemblea, os delegados e delegadas votaron a favor de catro resolucións en apoio a diferentes loitas: á compañeira saharauí Aminattou Haidar, aos traballadores/as do sector da lousa, aos traballadores/as de Leche Pascual en Outeiro de Rei e a prol da defensa do noso idioma. Todas as resolucións recibiron o apoio unánime dos presentes.
Necesidade de mobilización social
Previamente á intervención do reelixido Secretario Comarcal, o Secretario Xeral da CIG, Suso Seixo, quixo felicitar aos presentes polo bo desenvolvemento desta asemblea, caracterizada pola integración das comarcas de Lugo e A Mariña. Neste senso, sinalou que a nova organización permitirá ao sindicato ter unha estrutura máis operativa para facer fronte ás dificultades derivadas da situación de crise.
A este respecto, apelou á necesidade de fomentar a mobilización de cara a crear un movemento e unha conciencia na sociedade que permita avanzar na loita por un novo modelo económico e social e desterrar dunha vez do poder a aqueles que causaron a situación de crise na que nos atopamos e que, ademais, conseguiron sacar adiante medidas para afortalar este modelo. “Ou conseguimos a través da mobilización social ir a un verdadeiro cambio de modelo ou sairemos da crise pagando as consecuencias os de sempre e cun maior recorte dos dereitos da clase traballadora”, advertiu Seixo.
Seixo criticou a falta de medidas destinadas a controlar o sector financeiro, para o que se teñen achegado cantidades millonarias de cartos públicos; partidas que non se invisten en políticas sociais, en medidas de fomento ao emprego ou en axudas aos milleiros de parados e paradas.
Unha executiva con maioría de mulleres
Pola súa banda, Xosé Ferreiro felicitou aos presentes polo alto nivel de debate e polo “modo en que eliximos esta nova dirección comarcal”, pois significa un gran paso para achegar as forzas de todos e todas de cara a afrontar as dificultades futuras nas que se vai ter que mover a acción sindical. Neste senso, tamén destacou a nova composición da Executiva, na que seis dos seus nove membros son mulleres, “síntoma de que algo está a mudar nesta sociedade” e situación impensábel hai uns anos.
Ferreiro alertou que nos vindeiros catro anos o sindicato vai traballar nun escenario “moi duro”. Nun escenario no que o goberno do PP comezou a amosar as súas armas, tentando de forma sistemática destruír todo o que teña a ver cos servizos sociais públicos para privatizalos e “erradicando os nosos sinais de identidade, especialmente o galego como ferramenta reivindicativa”.
Seguindo nesta liña, o secretario comarcal alertou da nova política adoptada polo PP a respecto dos EREs, que se comezaron a aprobar de xeito favorábel ás empresas sen que haxa un acordo entre as parte de por medio ou mesmo forzando dito acordo.
Neste marco, subliñou Ferreiro, é de vital importancia que o proxecto sindical vaia creando conciencia de clase entre os traballadores/as “como o único xeito de resistir a avalancha que se nos vén enriba”. Así, lanzou un chamamento a CCOO e UGT para acadar un gran acordo na provincia que posibilite afrontar cunha defensa unánime os continuos casos de represión sindical que se rexistran en Lugo.
Ao mesmo tempo, apostou por abordar, tanto internamente como de xeito conxunto coas demais organizacións sindicais, a cuestión da negociación colectiva co obxecto de conseguir que as condicións laborais e salariais da clase obreira de Lugo converxan co resto do País.
Finalmente, Ferreiro tivo unhas palabras de agradecemento a aqueles compañeiros e compañeiras que non repiten nesta nova Executiva.