Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 12/12/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG-Ensino apoia o uso do libro de texto posto en cuestión polo Valedor do Pobo

Exixe ao conselleiro de Educación que cese na súa cruzada contra o galego
As declaracións que vén de facer públicas o Conselleiro de Educación, avalando a recomendación do Valedor do pobo contra o libro de texto de Coñecemento do Medio de 5º de Primaria, da Editorial Vicens-Vives, por recoller que a lingua propia de Galiza é o galego, vén a evidenciar, en palabras do Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, que “o  Conselleiro de Educación continúa instalado na obsesión permanente de exterminar o idioma como lingua vehicular no ensino. É inaceptábel, ademais de provocador, que o señor Conselleiro de Educación deteste e promova a eliminación dun texto escolar no cal o único que se fai é reproducir o artigo 5.1. do Estatuto de Autonomía de Galicia”.

Fai ademais un chamamento ao profesorado e aos centros que usan este libro de texto a que o sigan empregando tal e como está pois é o seu dereito e están avalados pola lexislación vixente.

A CIG-Ensino agarda do Presidente da Xunta de Galicia que actúe como tal e que cese inmediatamente a un conselleiro que ten como pauta de actuación permanente a persecución de todo o que nos define como pobo, nomeadamente a nosa lingua. Non pode continuar no seu cargo unha persoa que o usa para aliarse, esta vez co Valedor do Pobo, en contra do galego.

Por iso vai dirixirse por escrito ao Conselleiro instándoo ao mantemento do libro de texto tal e como está pois non fai máis que reproducir a lexislación vixente.

Anuncia ademais que participará na concentración convocada por Queremos Galego este xoves día 15, ás 11:30, ante o Parlamento de Galiza para esixir a dimisión do Valedor do Pobo.

cig.prensa@galizacig.com