Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 12/2/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG denuncia unha vez máis o desinterese de Vixilancia Aduaneira na loita contra o narcotráfico

A embarcación de Ribadeo está parada dende novembro de 2008 e a lancha de Muros precisa dunha reparación urxente
A CIG quere denunciar unha vez máis a falta de interese que mostran os responsábeis de Vixilancia Aduaneira na loita contra o narcotráfico en Galiza. A patrulleira de Ribadeo Alcaraván II leva dende o mes de novembro de 2008 parada por reparación nos motores. Recentemente, no medio dos temporais pasados, tivo que trasladarse a de A Coruña a realizar un servizo que en principio tería que facer a de Ribadeo, o que supón que ademais de atrasar e poñer en risco o operativo, arriscase a vida dos funcionarios que teñen que desprazarse moitas millas en condicións meteorolóxicas moi adversas, de alarma vermella.

Pola súa banda, segundo informa o responsábel da sección sindical da CIG na Axencia Tributaria, Antón Lestón, a patrulleira de Muros leva dende o día 30 de Xaneiro tamén parada, á espera dunha reparación de 2000€ , o que demostra que por pouco custe tense unha zona como a Costa da Morte, sen vixilancia. Hai que lembrar que esta é unha das zonas preferidas polos “narcos” para realizar os alixos; de feito a primeiros de ano interviñéronse en Muxía preto de 4000 Kg. de cocaína.

As embarcacións de Ribadeo (Lugo) e Muros (A Coruña) son embarcación con máis de 24 anos de antigüidade, polo que as avarías e o mantemento dos motores teñen que ser constantes, e razón pola que moitos meses do ano estas zonas están sen vixilancia marítima contra o narcotráfico.

Por estas razóns, a sección sindical da CIG da Axencia Tributaria esixe dos responsábeis de Vixilancia Aduaneira "máis dilixencia e presa á hora de levar adiante as reparacións das lanchas, pois consideramos que á sociedade lle sae máis caro a entrada dun alixo de droga que a reparación dos medios necesarios para impedilo. Seguímonos a preguntar quen pode ter intereses en que non funcionen as bases de Vixilancia Aduaneira en Galiza".

Novas relacionadas

cig.prensa@galizacig.com