"O Código Penal para a patronal" foi o berro máis escoitado na concentración que desde as nove e media da mañá tiña lugar nas portas do Xulgado, e na que participaban delegadas e delegados da CIG da comarca de Ferrol, afiliadas e afiliados e representantes sindicais da central sindical nacionalista nesta comarca. Unha faixa co lema "Medran escravistas, xulgan sindicalistas" despregouse nesta mobilización, que se prolongou até o comezo do xuízo, onde a maioría das concentradas e concentrados se achegaban ao interior deste edificio para amosarlle a súa solidariedade e apoio a Xesús López Pintos.
Xuízo suspendido e adiado
O xuízo contra o secretario da CIG en Ferrolterra, Xesús Anxo López Pintos, celebrado o 12 de febreiro en Ferrol, e polo que se enfronta a cinco anos e tres meses de cárcere por lesións e atentado contra a autoridade no conflito da Confraria de Mugardos en 2001, foi adiado e suspendido até que o Xuízo do Penal analice se remite o caso á Audiencia Provincial.
O avogado defensor da CIG solicitou que esta causa fose trasladada á Audiencia Provincial, polas elevadas penas que se solicitan para López Pintos. Ademais, reclamou do Xuíz que se pronuncie sobre o recurso que presentou para personarse como acusación contra os Policías implicados nos disturbios, que provocaron que tanto o secretario comarcal como varias mariscadoras sufriron lesións Tamén o avogado da CIG solicitou que se poda ampliar o número de testemuñas, xa que a acusación presentou até un total de 42 testemuñas, e só lle permitiran á defensa da CIG dez persoas para testificar.
Non se personou a Xunta
Na sesión que tivo lugar este xoves 12 de febreiro non se personou o avogado da Xunta de Galiza, polo que a petición que solicitaba no 2002 a Administración autonómica pode quedar sen efectividade. Esta foi unha das cuestións máis positivas do primeiro paso deste proceso xudicial que para López Pintos "parece un bo sinal, asi como que se amplien as testemuñas, e que se estude se este Xulgado é o máis acaido ou non para dirirmir estas acusacións".
Datas provisionais do xuízo
No caso de que o xuízo se celebre finalmente no Xulgado do Penal de Ferrol, o Xuíz fixou catro datas provisionais para os dias 4, 7, 14 e 18 de maio do presente ano.
Ataque a "un modelo sindical"Os feitos dos que se lle acusaba nesta data ao secretario comarcal da CIG aconteceron o 18 de setembro de 2001, e tiveron lugar no conflito que existía na Confraria de Mugardos, na que medio centenar de mariscadoras se pecharon para esixir a demisión da patrona maior, Oliva Bonome, e a presentación das contas da entidade. No atestado policial aparece que López Pintos golpeou cunha pedra na cabeza ao axente e que lle dera "varias patadas".
López Pintos negou esta versión dos feitos e lembrou as lesións sufridas tanto por el como por varias mariscadoreas, "nunha brutal carga policial, na que máis de vinte mulleres quedaron feridas, e eu quedei tirado no chan". Pintos relacionou estas acusacións e as peticións "desorbitadas" de condenas, a un ataque á acción sindical da CIG, nun momento de crise no que "teremos que mobilizarnos para defender o emprego nas rúas". "É un ataque contra un determinado modelo sindical, activo que se mobiliza na defensa dos dereitos dos traballadores e das traballadoras", finalizou Pintos.