“O Goberno estatal unha vez máis, en vez de tomar medias serias contra todos aqueles que foron causantes desta situación de crise económica, e estámonos a referir a oligarquía financeira, aos banqueiros e aos grandes capitais que nos arrastraron a esta situación de paro e de perda dos salarios, aposta por recortar os dereitos de todos os traballadores e traballadoras. A CIG non está disposta a tragar con este tipo de medidas que veñen en contra dos nosos intereses como clase”, afirmaba o Secretario Xeral da CIG durante a mobilización que tivo lugar esta mañá diante da delegación da Xunta e da oficina de emprego de Ferrol.
A protesta enmárcase dentro do calendario de mobilizacións que a central vén de iniciar en contra das medidas anunciadas polo goberno estatal a respecto dunha reforma laboral e da seguridade social que vai supor un retroceso nos dereitos da clase traballadora, e que volve incidir na idea que a crise económica que estamos a padecer veu xerada polas supostas rixideces do mercado laboral e non polo fomento e o descontrol dunha economía baseada na especulación.
Logo das mobilizacións levadas a cabo en Vigo, Pontevedra, Ourense e A Coruña, na xornada deste venres tocoulles á quenda a Compostela e Ferrol, a onde se trasladou o Secretario Xeral da CIG para participar na asemblea de delegados e delegadas que tivo lugar nos locais da central, e onde se presentou o documento “Políticas alternativas para a crise”, elaborado pola central sindical.
Na perspectiva dunha folga xeral
Seixo afirmou que a CIG non vai tolerar que o goberno leve adiante medidas contra os intereses e os dereitos da clase traballadora, polo que advertiu que a central continuará coas mobilizacións na rúa pedindo a todos os traballadores e traballadoras que se sumen a esta contestación social e “na perspectiva de, se as circunstancias así o permiten, lanzar unha folga xeral en toda Galiza. Empezamos hoxe con estas mobilizacións e a nosa idea é continuar adiante para facer unha importante xornada de loita o 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, seguindo nesta política de denuncias para esixir cambios estruturais que nos leven a un modelo económico e social máis xusto e solidario e máis favorábel á maioría social que somos os traballadores e as traballadoras”, aseverou.
Necesidade de respostas a unha situación “límite”
Pola súa banda, López Pintos referiuse á crítica situación que se está a vivir en Ferrolterra, agravada no último mes coa presentación de EREs en tres empresas (Megasa, Poligal e Montajes Cachaza), que se suman ao peche, hai cousa dun mes, da fábrica LM Composites, deixando na rúa a 100 persoas. Pintos apuntaba tamén o desesperanzador dato de que “cada día engrosan na nosa comarca nas listas do paro 20 persoas”.
Neste senso, Pintos alertou que “moita xente rematou xa as prestacións por desemprego, e aínda que cobran os 420 euros de axuda non da para a sobrevivencia. Hai unha situación límite, agravada ademais pola actuación de CCOO e UGT e nivel do Estado, que tentan negociar unha reforma laboral na que os traballadores/as van perder dereitos, que abaratará os custos dos despedimentos e mesmo reformar o sistema de pensións, non só incrementando a idade de xubilación, senón tamén o número de anos para a base reguladora, pasando de 15 a 25 anos”.
Negociación colectiva
O Secretario comarcal da CIG de Ferrol tamén se referiu ao acordo asinado entre CCOO, UGT e a patronal para limitar a suba nos salarial nos convenios. “Estamos chocando contra a crise do capital, pero á súa vez existe unha complicidade por parte de Comisións e UGT que non se deu en toda a historia do sindicalismo”, criticou.
A este respecto criticou as actuacións de ambos sindicatos, pois sabendo que esta crise a provocou o capital e o sistema financeiro, “están favorecendo que o capital saia máis reforzado, e dende a CIG non imos tolerar este feito. Por iso, con estas mobilizacións queremos transmitirlle á clase traballadora que a CIG vai dar a cara e que é o único sindicato que moralmente pode estar á fronte, porque nunca nos vendimos. Nós temos que dirixir a loita contra estas inxustizas e para conseguir un cambio de modelo”.
Neste senso, Xesús Seixo indicou que para camiñar cara unha recuperación económica e saír da crise hai que comezar por mellorar as rendas do traballo. “Deste xeito podíase favorecer o consumo, a produtividade, e contribuír a dinamizar a economía. Xunto a isto, sería necesaria a posta en marcha de políticas que tiña que aplicar o goberno e que tampouco o está facendo”.
O secretario xeral da CIG sinalou que é moi posíbel que na práctica os incrementos salariais estean por debaixo do IPC real e advirte que, por moito que intenten adornala dicindo que ao final do período dos tres anos funcionará unha cláusula de revisión salarial para que os traballadores e traballadoras poidan recuperar o poder adquisitivo perdido “eles saben que é de difícil aplicación”.
Máis mobilizacións antes da fin do mes
Así mesmo, na comarca de Ferrol tamén están previstas para antes de fin de mes outro tipo de mobilizacións para alentar a participación nas protestas do vindeiro 10 de Marzo, concibida como unha importante xornada de loita. López Pintos asegurou que as mobilizacións e a presión obreira son o único xeito de impedir que os gobernos, CCOO, UGT e a patronal leven adiante toda unha serie de medidas en contra da clase traballadora.
Próxima cita, en Lugo
O acto desta mañá enmárcase dentro da campaña de mobilizacións iniciada polo CIG, co obxectivo de amosar a oposición da central sindical á reforma da Seguridade Social, á anunciada reforma laboral e o acordo estatal de negociación colectiva asinado entre CCOO, UGT e a patronal. Así, xa se celebraron asembleas de delegados e delegadas en Vigo e Pontevedra o pasado día 4 de febreiro, o mércores 10 en A Coruña e Ourense, este venres en Ferrol e Santiago e o próximo xoves 18 de febreiro as mobilizacións trasladaranse até Lugo.