Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 12/2/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Concentración de delegadas/os da CIG en Compostela contra o recorte de dereitos e por un traballo e pensións dignas

Na asemblea denunciouse a conxelación salarial, a reforma das pensións, a proposta de reforma laboral
Delegados e delegadas da CIG de Compostela, reuníanse en asemblea na mañá deste venres día 12 de febreiro, para analizar as consecuencias que a crise está a ter para a clase traballadora, tanto pola situación económica na que se atopan as familias, como polas medidas que se están a adoptar –reforma do sistema de pensións, conxelación salarial e proposta de reforma laboral- desde o goberno central. Ao remate da xuntanza celebrouse unha concentración na Praza de Galiza baixo o lema “Ningún recorte aos nosos dereitos. Traballo e pensións dignas. A crise que a pague o capital”

Anxo Noceda, secretario comarcal da CIG de Compostela e Ramiro Oubiña, secretario confederal de Finanzas, foron os encargados de explicar, tanto o alcance e as repercusións que estas decisións ou propostas terán para a clase traballadora, como as alternativas que a CIG vén defendendo desde que comezou a crise económica.

Noceda fixo referencia, fundamentalmente, ás propostas que hai sobre a mesa para acordar unha nova contrarreforma laboral e denunciou a intención do goberno, co aval de CCOO e UGT -e para satisfacción da patronal-, de rebaixar as indemnizacións por despedimento, sob pretexto de reducir a temporalidade.

Alén diso, o secretario comarcal de Compostela, que tamén fixo unha breve referencia á proposta presentada polo goberno para reformar o sistema de Seguridade Social no que se refire ás pensións, alertou do intento de derivar a atención cara un único aspecto desa proposta: o atraso da idade de xubilación dos 65 aos 67 anos. Unha proposta que atopou un enorme rexeitamento social e que agocha aqueles outros aspectos da reforma máis preocupantes: o aumento do tempo traballado para ter dereito á pensión, pasando de 15 a 20 anos (primeiro dicían que eran 25) e o aumento do tempo de referencia para calcular a súa contía, de 15 a 17 anos.

A este respecto, Anxo Noceda tamén advertiu que as mobilizacións que están a convocar CCOO e UGT céntranse exclusivamente no rexeitamento público ao atraso da idade de xubilación. Un posicionamento que logo servirá como “desculpa” dixo, “para no marco do diálogo social ter unha bandeira que vender”.

Pola súa banda Oubiña, lembrou que fronte os que auguran –fundamentalmente as entidades financeiras- a creba do sistema de pensións, “cousa que ocorre cada 10 anos”, dixo, o superávit da Seguridade Social é de 9 mil millóns de euros e o fondo de reserva da Seguridade Social é de 65 mil millóns de euros. Unha cantidade que permitiría pagar durante 10 meses todas as pensións existentes mesmo se non se ingresara nin un euro máis.

Fronte estes mecanismos que pretende introducir o goberno para incrementar os ingresos á caixa da Seguridade Social, Oubiña salientou que a CIG propón, entre outros, combater a fraude existente nas contratacións de traballadores polos que só se cotizan tres ou catro horas de xornada, cando en realidade están facendo 6 ou 8; elevar o Salario Mínimo Interprofesional á media europea, co que tamén aumentarían as cotizacións e que se regule o emprego doméstico, obrigando ao/á empregador/a a cotizar.

Porén , o secretario confederal de Finanzas explicou que facer estas modificacións non interesa, porque a “torta da Seguridade Social é moi interesante para a banca como forma de obter fondos para logo derivalos ao capital especulativo”.

Un problema de sistema

Ramiro Oubiña lembrou ademais que a central sindical leva tempo dicindo que estamos ante un problema de sistema, dun modelo no que se deseñan políticas interesadas para os grupos económicos pero que non benefician en absoluto á maioría social.

Resaltou ademais, que a falta de liquidez do sistema, no caso do estado español, vén dada pola falta de ingresos derivada da inexistencia de empresas públicas. O secretario confederal de Finanzas lembrou que cando se aprobou o Tratado de Maastrich, a CIG advertiu dos negativos efectos que o modelo que ese tratado impoñía tería para a economía galega e para a estatal.

Maastrich obriga a controlar o déficit público até un máximo do 3%. Para cumprir ese obxectivo, na última etapa de González acometéronse reformas que supuxeron un importante recorte dos dereitos dos/as traballadores/as e púxose en marcha o proceso de privatización dos principais activos do estado, Telefónica, Repsol, Ence...

Isto supuxo a entrada, de golpe, de inxentes recursos para as contas públicas que permitiron acadar ese obxectivo de déficit. Porén, ao tempo desapareceron os beneficios que ano a ano engrosaban as arcas do estado, procedentes destas empresas públicas.

O paso da peseta ao euro tamén obrigou a que abrollara toda a economía irregular, que até ese momento estaba parada, o que alimentou, especialmente a burbulla inmobiliaria.

Agora, sen os ingresos desas grandes empresas públicas e coa burbulla inmobiliaria pinchada “o que se evidencia é que hai un problema de sistema”.

A operación “salvar os bancos”

Co comezo da crise, que inicialmente se aseguraba que era só financeira, o sistema público puxo en mans das entidades financeiras 250.000 mil millóns de euros. Cartos que estas destinaron a tapar os seus buracos primeiro e á economía especulativa despois.

Entre mentres, a economía real, empresas e familias afóganse sen poder acceder ao crédito necesario para poder consumir ou para investir no material necesario para producir. A situación chegou a tal punto, dicía Oubiña, que “temos que ir os sindicatos ao IGAPE para reclamar préstamos e avais para os empresarios”.

Xunto a isto, e tras das promesas electorais máis populistas, as traballadoras/es viron coo na súa última nómina desaparecían os famosos 400 euros prometidos por Zapatero e como todas as propostas que se están a propor nas últimas semanas encamíñanse cara a debilitar aínda máis ao traballador/a fronte o empresario.

Despedimento gratuíto

Oubiña denunciou a hipocrisía de modernos empresarios como Adolfo Domínguez, que defenden publicamente o despido libre. “O despedimento xa é libre”, afirmaba Oubiña, “o que queren é que sexa gratuíto”. E precisamente por esa vía é por onde vai a reforma laboral que pretende aprobar, din, antes de abril.

Alternativas da CIG

Fronte esta situación, “a CIG defende cambios estruturais en profundidade”, explicou Oubiña. Entre outras medidas, salientou a defensa dunha Banca Pública ao servizo das familias e da economía produtiva, porque “non se pode pechar unha empresa porque as entidades financeiras non lle conceden un crédito”; a unificación das caixas “fronte os que queren deixar a Galiza sen o control do único resorte económico co que conta” e un forte sector público sobre todo en sectores estratéxicos como o enerxético e o das telecomunicacións. “Pódese facer no marco da UE, porque en Francia, por exemplo, o sector enerxético está nacionalizado”, afirmou.

Alén diso, manifestou que a CIG aposta polo incremento do gasto público, á marxe de que iso supoña superar o déficit do 3%, porque “cando se contrae o capital privado pódese e débese substituír por capital público”. Ese investimento público, imprescindíbel para incentivar a economía, estaría destinado a infraestruturas, vivendas sociais, políticas de protección social, sanidade, ensino...pero tamén para promover os nosos sectores produtivos.

Oubiña fixo espacial fincapé na necesidade de que se cre un salario social. Algo que vén defendendo a CIG desde hai anos en todas as mesas de negociación e que eliminaría a posibilidade de caer na marxinalidade e obrigaría a saír a flote a economía somerxida.

Mobilización

O secretario confederal de Finanzas explicou que a CIG leva tempo defendendo estas propostas, pero fronte a outras organizacións sindicais e fronte ao propio sistema, que conta con todos os resortes para defender as súas posicións, desde os medios de comunicación practicamente non se lles dá relevancia, ou simplemente son silenciadas. Por iso, “é imprescindíbel a mobilización, como única forma de visualizar a contestación social a ese tipo de políticas” dixo, e como medio para “crear un estado de opinión”, porque estas “son alternativas que, habendo vontade política, poden aplicarse sen crebar ningún resorte do sistema”.

cig.prensa@galizacig.com