Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 12/2/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Folga e concentración contra a deslocalización e polo mantemento do emprego na empresa de telemárketing en Bosch

Haberá concentración ás 12.15 en Maria Berdiales
Haberá unha concentración nesta xornada de folga ás 12.15 diante do centro de traballo de Bosch en Maria Berdiales. Esta xornada de folga convocase diante da posíbel perda de 1.300 postos de traballo por mor da deslocalización desta empresa. Desde a sección sindical da CIG en Bosch denuncian as presións da empresa e mesmo a pretensión de establecer uns servizos mínimos do 50%.

A AEPD (Axencia Estatal de Protección de Datos) dependente do Ministerio de Xustiza, dirixido por Francisco Camaño, autorizou a Vodafone para que poda deslocalizar os distintos servizos de atención ao cliente que dan traballo en Galiza a mais de 700 persoas subcontratadas por varias empresas de telemárketing, e na actualidade xa están en perigo máis de 1.300 postos de traballo en Galiza.

Para que unha empresa dentro do estado transfira datos a outra requírese o consentimento previo dos clientes. Porén, o organismo dependente do Ministerio de Xustiza, estima que cando a cesión é internacional, concretamente a paises de América Latina non é preciso. Un absurdo que permite ás empresas de telecomunicacións deslocalizar todos os servizos de atención aos clientes fóra do Estado.

Este é o caso actual de Vodafone, que solicitou 6 autorizacións a AEPD para transferir todos os datos dos seus clientes a Colombia, Perú ou Chile, coa única garantía dun contrato privado entre empresas e con total descoñecemento da clientela. Os datos dos clientes de Vodafone (persoais, económicos, etc) estarán espallados por medio mundo e incluso en países considerados perigosos polo Ministerio de Exteriores.

A transferencias dos datos da clientela é o primeiro paso para que se deslocalicen todos os servizos de atención á clientela que actualmente se realiza entre outras empresas nas plataformas de telemárketing de Sykes na Coruña e en Vigo nas plataformas Unísono e Bosch.

Complicidade do goberno central

Neste senso os despedimentos e recortes na Coruña e Vigo son froito dunha decisión empresarial coa complicidade do goberno central. Dende a Confederación Intersindical Galega queremos denunciar que non estamos ante os efectos da crise, estamos ante unha deslocalización pura e dura por parte de Vodafone e Telefónica coa complicidade do goberno do PSOE.

En Bosch, os traballadores e traballadoras irán á folga o vindeiro día 15 de febreiro e por esas datas tamén están previstas mobilizacións en Sykes.

Desde a sección sindical da CIG de Bosch, maioritaria no Comité de Empresa, informan que Vodafone xa fixo contratos para levar as campañas do Estados Español coas seguintes empresas de telemarketing en Latino América:

Colombia: "Estategia Contact Center"; "Global Sale Solution" e "Emergia América Call Center". En Colombia unha teleoperadora cobra 173 $.

Perú: "Global Sale Solution". En Perú unha teleoperadora cobra 151 $.

Chile: "Unísono Chile", "Telemárketing Golden Line". En Chile unha teleoperadora cobra 223 $.

"Non se trata de que traballemos mais, ou que esforzandonos mais Vodafone poda quedar aquí, a non ser que esteamos dispostas a cobrar 120 euros ao mes", engaden.

Bosch comunicou uns Servizos Mínimos do 50% para a maior parte dos servizos, cando só a autoridade gobernativa pode facelo e só para servizos fundamentais (non é o caso). "Non hai obriga de cumprir servizos mínimos, algo que agardamos maña a Consellería e a Inspección lle aclaren a Bosch", subliñan.

Denuncian desde a representación sindical que "con esta medida tratan de crear incertidume ante unha folga que está legalmente convocada e na que democraticamente pode participar o persoal de Bosch e o persoal contratado a través de ETT. O dereito a folga é un dereito fundamental recollido incluso na propia constitución".

"Temos posto en coñecemento da autoridade laboral estas cuestións, así como outras medidas anti-sindicais (recollidas de sinaturas contra a folga por parte de mandos da empresa, etc). Cuestións que poden ser un delito por tratar de impedir o libre exercicio dun dereito fundamental como é a folga. En todo caso as novidades que hai son negativas, polo que mantemos a convocatoria da folga para o día 15 de febreiro", subliñan.

Por último, solicitan " a todas aquelas persoas que exerzades o voso dereito democraticamente que botedes unha man dende primeira hora da maña nos respectivos centros de traballo, pero que as 12:15 horas procedades a concentrarvos con nós diante de María Berdiales".

cig.prensa@galizacig.com