Estas horas extraordinarias son unha fraude ao propio persoal, non se pagan malia que o convenio establece que debe pagarse 1,75 por cada hora traballada, (computando o valor de 17,25 pagas incluíndo a antigüidade). Tede claro que, de ser pagadas, os ingresos serían superiores aos complementos “voluntarios” que perciben os traballadores/as.
“As horas extras ilegais dos bancos son unha fraude á Seguridade Social, xa que non se cotizan. Son unha fraude contra nós mesmos e contra todos os traballadores e traballadoras, máis as prestacións están sometidas a permanentes recortes con contrarreformas do sistema público de pensións”, critican dende a CIG-Banca.
Fraude insolidaria
Estas horas extraordinarias supoñen tamén unha fraude insolidaria xa que superan o límite máximo permitido anual de 80 horas, cando na Galiza hai 230.000 persoas sen emprego e no Estado máis de 4.000.000. De feito, aclaran dende a Federación de Banca, se o persoal das entidades bancarias en Galiza cumprira o horario, as empresas deberían crear 1.250 postos de traballo.
Hai que lembrar que o goberno do PSOE puxo en marcha 4 liñas de axuda ás entidades financeiras que poden chegar aos 173.000 millóns de euros. Axudas as que hai que engadir as inxeccións de liquidez do Banco Central Europeo por outros 82.000 millóns de euros. Grazas a esas axudas, os grandes grupos bancarios non sofren a crise e presentan beneficios insultantes para unha sociedade que sofre as duras consecuencias da crise. Pero mentres reciben inxentes axudas públicas, os bancos, que acaparan ese diñeiro, están reducindo persoal e ampliando horarios.
“Temos dereito a coñecer cal é a nosa xornada de traballo e que estea dentro dos límites legais. O resto é dar por bo a fraude social e laboral da extensión ilegal da xornada”, apunta dende a CIG-Banca.
Por todo isto, o 11 de febreiro, a CIG concentrouse nos principais bancos nas cidades de Vigo e Lugo, como xa se fixera o 28 de xaneiro en A Coruña e Ourense. Así mesmo, dende a central rexéitanse os acordos de flexibilidade horaria negociados a nivel de empresa no BSCH, Popular ou Sabadell e os acordos que incrementan a xornada ou implantan as tardes como no BBVA.