A Secretaria da CIG-Muller, María do Carme López Santamariña, foi a encargada de abrir a xornada, acompañada pola técnica de Igualdade da secretaría, Margarida Corral. López Santamariña lembrou a importancia de trasladar ao ámbito da negociación colectiva medidas en materia de igualdade. “A realidade neste aspecto continúa sendo negrísima”, apuntou, “poucos convenios das grandes empresas fan referencia aos Planos de Igualdade, e nunca se marcan prazos para levalos á práctica”.
A responsábel confederal de Muller, destacou a importancia de determinar o espazo temporal no que se teñen que negociar eses planos, xa que, no caso contrario, “é unha materia que sempre se acaba deixando de lado”. Pola súa banda, Marga Corral referiuse á necesidade de que as delegadas e os delegados da central coñezan como elaborar os documentos de igualdade aplicábeis no día a día das empresas, “porque o marco legal xa o temos claro”.
A continuación, Sayaca Doldán García, técnica de prevención, explicou a importancia de tratar a saúde laboral dende unha perspectiva de xénero, dada a existencia de factores determinantes e propios, tais como o embarazo e a lactación. Neste senso, incidiu en que todas as avaliacións de riscos deben prever estas dúas circunstancias e a capacidade de adaptar os postos de traballo, pois a lexislación mesma considera unha infracción moi grave que unha empresa non cumpra os requisitos en materia de seguridade e saúde laboral no embarazo e lactación.
Doldán continuou a súa intervención describindo os posíbeis riscos no embarazo, así como a súa catalogación e prevención e apuntou á importancia de estabelecer protocolos de actuación.
Homes pola igualdade
A valoración da perspectiva de xénero, pero dende o mundo masculino, chegou da man de Francisco Nebril, membro da asociación Homes Galegos pola Igualdade, un colectivo que xurdiu hai dous anos, e que integra a “un grupo de homes que recoñece a responsabilidade masculina no mantemento da subordinación social das mulleres”. Nebril aclarou que non se trata de “estar resentidos coa masculinidade” senón de reflexionar con outros homes por que se da esta realidade e buscar medidas para saír do modelo masculino tradicional.
Así mesmo, fixo fincapé na importancia de promover unha educación transversal como sustento para acadar ese cambio, e como xeito de rematar cos procesos de socialización baseados na discriminación e a segregación. “A implicación dos homes na corresponsabilidade é un elemento fundamental e imprescindíbel para conseguir unha sociedade igualitaria e solidaria.
Crise e casos prácticos
A xornada da mañá rematou coa intervención da catedrática de Economía Aplicada da USC, María do Carme García Negro, quen abordou a actual situación de crise, pero dende unha perspectiva de xénero.
Xa pola tarde, Ester Mariño (técnica de igualdade da Secretaría da Muller da CIG de Vigo), Sandra Mª Calvo González e Mª Luisa Moreira García (monitoras de forGA), desenvolveron cos asistentes á xornada a elaboración dun caso práctico.
Finalmente, o Secretario de Negociación Colectiva, Antolín Alcántara, pechou o encontro explicando as propostas da central en materia de igualdade para a negociación colectiva 2009.
Manifestación en Ferrol
Dentro dos actos do Día da Muller Traballadora, delegadas e afiliadas da CIG de Ferrol participaron o pasado domingo 8 de Marzo na manifestación convocada por diferentes colectivos para reivindicar melloras nas condicións de vida das mulleres e loitar por un modelo socioeconómico novo, máis xusto e solidario.