Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 12/3/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG-Ensino denuncia que Educación despreza unha vez máis o noso idioma

Alerta da intención da consellaría de facer público o Decreto coincidindo coa ponte do 19 de marzo ou coas vacacións de Semana Santa
A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación “alardea unha vez máis do desprezo á nosa lingua”. Na Mesa Sectorial celebrada o xoves 11 de marzo, a CIG-Ensino denunciou que todo apunta a que a Consellaría de Educación está a agardar á chegada da próxima ponte do 19 de marzo, ou ao mesmo inicio das vacacións de Semana Santa, para facer público o texto do Decreto co que pretenden derrogar o actualmente en vigor. A CIG insiste novamente en que non aceptará propostas que signifiquen un retroceso na presenza da nosa lingua no ensino e seguirá reclamando o mantemento do Decreto actual.

Por outro lado, na mesa sectorial tratouse a proposta de Decreto de Regulamento Orgánico das Escolas Oficiais de Idiomas. Na proposta da Consellaría, como vén acontecendo nos borradores presentados ultimamente, non só non hai ningunha referencia ao Decreto 124, que segue regulando o uso do noso idioma no ensino, senón que mesmo non se recolle que a Comisión de Coordinación Pedagóxica terá entre outras funcións a elaboración dun plan de potenciación da nosa lingua que, ademais, tampouco se recolle que é unha das partes do Proxecto Educativo de Centro.

Aínda máis, no relativo aos Equipos de Normalización, suprime a palabra normalización da súa denominación, “Equipos de dinamización da lingua galega”, e non recolle nin a súa composición, nin as súas funcións, cuestións ambas que deben formar parte deste tipo de regulamentos, tal e como se fai, por exemplo, co resto de equipos en funcionamento nos centros. Unha vez máis o Director Xeral de Educación, Mira Lema, desprezou sen reparos a nosa lingua e rexeitou as propostas realizadas.

A Inspectora Manuela López Besteiro incumpre a Lei

Finalmente, no punto de varios, a CIG-Ensino pediu explicacións pola actitude da inspectora de Educación de Lugo, Manuela López Besteiro, que lle ordenou a unha profesora dar un tratamento excepcional a unha alumna, permitíndolle non axustarse ao marcado no Decreto 124 nas materias de obrigada impartición en galego.

Cabe sinalar que López Besteiro, ante a reclamación da nai, deu a razón ao centro e á profesora, indicándolles que o que procedía era seguir cumprindo o Decreto, mais só unha semana despois, e nunha reunión en que a familia estaba presente, desautorizou á profesora e ordenoulle un trato excepcional. Loxicamente, a profesora reclamou que esa orde se lle puxese por escrito, o que non sucedeu.

A CIG-Ensino rexeita publicamente a actitude da inspección educativa, e moi especialmente a dunha inspectora que, como portavoz do PP, foi unha das persoas que participou na elaboración e tramitación do Plan Xeral de Educación. A CIG vai solicitar unha entrevista para trasladarlle que velaremos polo cumprimento do Decreto vixente e non permitiremos que se produzan este tipo de desautorizacións do profesorado.

Respecto da orde do día da Mesa Sectorial, a Consellaría mostrouse nada receptiva ás propostas realizadas. En todo caso a negociación dos ROCs das EEOOII e dos Conservatorios vai continuar o martes 16, para máis información sobre este tema pódese consultar a web da CIG-Ensino: www.cig-ensino.com

 

cig.prensa@galizacig.com