O Comité de Empresa da Consellaría de Traballo e Benestar de Ourense apunta que nese momento a ocupación do centro non era do 100% por mor das obras de remodelación da residencia, pero a situación actual é diferente; a día de hoxe o número total de residentes ascende a 99, dos que un 50% son asistidos. “Estamos a falar de anciáns cunha media de idade de 80 anos con pluripatoloxias que precisan atención puntual de procesos agudos e un seguimento das súas doenzas crónicas”, subliñan dende o Comité.
O traballo diario do médico desta residencia consiste na valoración ao comezo da súa xornada laboral dos/as residentes que así o demanden persoalmente ou a requirimento do persoal auxiliar que o atende (función que na actualidade ten que asumir, sen que lle corresponda, o persoal de enfermería); revisión e actualización dos tratamentos e historias dos residentes, cos informes remitidos polos especialistas ou hospitalarios nos casos de ingresos; cumprimentación de receitas para provisión de medicamentos que non sirve o servizo de Farmacia do CHOU e de volantes para solicitar probas diagnósticas; valoración dos controles diarios e programados (glucemias, tensións …); información ás familias dos cambios significativos no estado do residente e valoración periódica do deterioro das capacidades físicas e cognitivas dos residentes, requisito indispensable para darlles unha atención axeitada as súas necesidades reais.
Aínda que os residentes teñen un médico de familia asinado no Centro de Saúde da Valenzá, este non pode asumir o que faría o titular do centro nunha xornada laboral de 7 horas diarias.
Por outra banda os desprazamentos a este centro de saúde (aínda que menos frecuentes dende que a residencia conta co servizo médico externo “ dous días por semana”) seguen a supoñer un serio trastorno para os/as residentes (a maioría con serios problemas de mobilidade) e para o persoal auxiliar do centro que fai os acompañamentos.
Sobrecarga de traballo
O Comité de Empresa indica que a a carencia deste profesional supón para o colectivo de enfermería unha sobrecarga de traballo que vai mais alá das súas propias funcións e acaparando a labor non asistencial, gran parte da súa xornada laboral. Así mesmo, para outros niveis da asistencia sanitaria como, o PAC ou Servizo de Urxencias Hospitalario supón unha saturación cando se lles remiten os/as residentes que poderían e deberían ser valorados primeiramente no seu centro, evitándolles ademais a eles, os problemas de ansiedade e desorientación que conleva sacalos fora do centro. “Este Comité de Empresa denuncia que a existencia dun servizo médico nesta residencia de maiores coma noutros da mesma tipoloxía é unha obriga que non se esta a cumprir”.
“Por todo isto e para deixar de ofertar publicamente nestes centros un servizo que non se presta ou se presta de xeito precario, o Comité de Empresa esíxelle á Xefatura da Consellería de Traballo e Benestar que poña punto final a unha situación que se alonga no tempo de xeito indefinido”.