A continuación reproducimos a nota informativa remitida pola CIG-Administración de Ourense:
O próximo luns día 15 de marzo vai ao pleno do Concello de Celanova a RPT do mesmo así como os orzamentos do ano en curso. A CIG convoca unha concentración de protesta ante a falta de negociación por parte do alcalde, Antonio Mouriño, que non ten intención de arranxar o conflito laboral que mantén dende hai meses con parte do persoal do concello celanovés.
Xa o propio alcalde se negara a celebrar a Mesa Xeral de negociación á que obriga a lexislación laboral e funcionarial e viuse obrigado a convocala a raíz da sentenza número 108/09 do Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 2 de Ourense na que se condenaba ao Concello de Celanova a elaborar unha Relación de Postos de Traballo (RPT) no Concello.
A Mesa Xeral foi vista sempre polo alcalde como unha formalidade á que lle obrigaba a xustiza e nunha demostración de desprezo aos propios traballadores e traballadoras do Concello tratouna como unha cuestión de mero trámite e como un auténtico paripé. Así, a RPT aprobada é un exercicio de arbitrariedade e de subxectividade onde os complementos de destino asígnanse sen criterio negociado e se impoñen arbitrariamente e contén elementos discriminatorios entre as diferentes categorías profesionais e nos complementos específicos. Irregularidades detectadas por esta central e postas en coñecemento do goberno municipal en dita Mesa.
O complemento específico é calculado de xeito dirixido para propiciar unha desigualdade buscada polo alcalde e permitida na elaboración da RPT. Deste xeito pódese comprobar como, por exemplo, á policía local se lle asigna un grao de responsabilidade cero a pesar de que é un corpo que ten as súas responsabilidades, e moitas por certo, marcadas nunha lei específica.
Dende a CIG lembramos que se vulnerou o dereito de negociación colectiva efectivo, limitándose a facer unha mera consulta, por canto o alcalde do Concello de Celanova, coñecedor das subxectividades e discriminación cometidas, puido arranxalas administrativamente en lugar de perpetuar unha situación inxusta nas normas municipais.
Indicar que a única alegación que se tivo en conta neste proceso foi a relativa ao delegado do persoal laboral, representante do CSIF, no que se lle fixa un aumento salarial.
Moito máis grave é o caso do orzamento municipal que nin sequera foi negociado a pesar de que esta central o pediu reiteradamente na Mesa Xeral.
A CIG valorará a interposición de recurso contra a RPT e o orzamento no caso de que as irregularidades non sexan corrixidas no pleno que se celebrará o próximo luns.
Ourense, 12 de marzo de 2010