Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 12/3/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Impugnada a convocatoria de Formación Continua para o 2010

A CIG considera que a Dirección Xeral da SPEE viola o dereito á liberdade sindical
A CIG vén de interpor un Recurso de Alzada contra a resolución do Director Xeral do Servizo Público de Emprego Estatal, pola que se aproba a metodoloxía de financiamento para a determinación das subvencións a conceder para a execución de plans de formación mediante convenios de ámbito estatal, dirixidos prioritariamente a traballadores/as ocupados/as. A central sindical considera que se viola o dereito á liberdade sindical ao non acatarse a sentenza da Audiencia Nacional que declarou, a favor da CIG, o dereito a participar nos planos formativos estatais sen restricións derivadas da condición de sindicato máis representativo.

En abril de 2009, o Xulgado Central do Contencioso-Administrativo estimaba parcialmente o recurso presentado pola CIG contra a resolución da Dirección Xeral do Servizo Público de Emprego Estatal, polo que se aprobaba a convocatoria extraordinaria para a concesión de plans de formación intersectoriais.

Segundo esta sentenza, o inciso “máis representativo” da convocatoria impugnada era disconforme a dereito, polo que foi anulado obrigando a ditar unha nova convocatoria que corrixise os vicios de legalidade concorrentes.

Xunto a isto, en novembro do pasado ano, a Avogacía Xeral do Estado, concluía que “no concepto de maior representatividade das organizacións sindicais debe diferenciarse, por unha banda o que son actividades de representación sindical e, pola outra, o acceso ás subvencións, respecto do cal non pode estabelecerse prevalencia algunha entre unhas organizacións e outras”.

A isto engadía que na convocatoria de subvencións “debe seguirse este criterio, polo tanto, non debe incluírse mención algunha á representatividade das organizacións sindicais como límite no acceso ás subvencións convocadas”.

Porén, en febreiro deste ano aprobábase a convocatoria para a concesión, con cargo ao exercicio orzamentario 2010, de subvencións públicas para a execución de plans de formación mediante convenios de ámbito estatal dirixidos prioritariamente aos traballadores/as ocupados/as e a metodoloxía de financiamento para a determinación das subvencións a conceder.

Limitacións por representatividade

A CIG denuncia que novamente, se fixan as mesmas limitacións de representatividade, en canto á porcentaxe habilitante para participar na negociación colectiva sectorial estatal, que no caso dos Plans de formación intersectoriais; sendo requisito imprescindíbel ter adquirido a condición de sindicato “máis representativo”, no ámbito estatal, para poder participar, aínda que a tal condición se lle denomine agora como “representativo”.

Por iso, solicita a través deste Recurso de Alzada, que se acorde declarar a nulidade de pleno dereito dos apartados “Plans de formación intersectoriais xerais” e “Plans de formación sectoriais” da Metodoloxía de financiamento, por infrinxirse a xurisprudencia vixente, en materia de dereito á igualdade e á liberdade sindical e o artigo 9.3 da Constitución, incorrendo en fraude de lei.

 

cig.prensa@galizacig.com