O pasado mércores, os/as representantes dos/as traballadores/as do Banco Pastor mantiñan unha xuntanza coa dirección en A Coruña para reclamar a reincorporación dos compañeiros/as despedidos/as e interesarse polos motivos das decisións adoptadas nas últimas semanas pola entidade. Gladys Afonso, secretaria da sección sindical da CIG en Banco Pastor, explicaba que até o momento xa se fixo efectivo o despedimento de cinco traballadores/as en Galiza adscritos a oficinas das provincias de Pontevedra e Ourense, e se rescindiu a relación laboral con catro empregados máis de Valladolid, Madrid, Levante e Canarias.
Os/as afectados/as son traballadores con até 38 anos de antigüidade na empresa, despedidos, segundo as argumentacións alegadas pola entidade, por "incumprimento das expectativas" e “problemas de actitude”. Non obstante, o Banco Pastor recoñeceu a improcedencia dos despedimentos (non existe causa legal) e consignou unha indemnización de 45 días por ano traballado.
Neste senso, Afonso apuntou que dende a Dirección Xeral do Banco se lle comunicou á representación sindical que os despedimentos responden a unha decisión corporativa, que terá continuidade nos vindeiros meses, en resposta á intención da entidade de incrementar a taxa de rendibilidade en Galiza.
Dende as seccións sindicais indicouse que os despedimentos das últimas semanas constitúen unha medida “de advertencia” para o persoal indefinido e con máis antigüidade que non estea pola labor de asumir a desregulación das súas condicións laborais. “O Banco Pastor pretende crear un ambiente de terror entre os traballadores e as traballadoras para que acepten condicións laborais fóra do estabelecido no convenio colectivo, baixo a ameaza de despedimento ou de traslados forzosos”, denuncia Afonso.
Concentracións de delegados/as en Vigo e A Coruña
CIG, ELA, CCOO, UGT e FITC, advertiron que non van quedar “nin parados nin insensíbeis” a esta agresión, polo que veñen de acordar un calendario de mobilizacións. Así, o vindeiro 16 de marzo haberá unha concentración de delegados/as sindicais diante da sede da Dirección Rexional Galiza-Sur, en Vigo; mentres que o día 26 a protesta se trasladará á Fundación Barrié de la Maza en A Coruña, coincidindo coa Xunta Xeral de Accionistas. Alén destas dúas concentracións, barállase celebrar asembleas de traballadores/as tras da semana santa co obxecto de estudar medidas máis contundentes.
A campaña da falsa galeguidade
Durante a rolda de prensa as seccións sindicais tamén denunciaron a millonaria campaña publicitaria que a entidade financeira está a desenvolver para recuperar o aforro dos cidadáns/ás do País, baixo unha “falsa galeguidade, mentres aplican unha política de despedimentos inxustificados e adelgazamento continuado do banco”.
Dende finais de 2007, a entidade destruíu 240 postos de traballo, pasando dos 4.073 a 3.836 empregados/as, e reducindo o número de oficinas das 651 ás 595 actuais. Fronte a estes datos negativos, Banco Pastor afronta este mes a Xunta Xeral de accionistas na que novamente “se nos volverá falar dos grandes beneficios do banco” e de contas saneadas.
Así mesmo, dende a sección sindical da CIG denunciouse que estes despedimentos improcedentes están sendo financiados cos cartos de todos os cidadáns e cidadás. Hai que lembrar que o Banco Pastor recibiu no ano 2009 axudas públicas do Fondo de Adquisición de Activos Financeiros (FAAF) por de 293.504.120 millóns de euros e o Estado avaloulle unha emisión de 1.000.000.000 de euros (o aforro que supuxo o aval público foi superior ao 50% do custe sen que lle afectase o recorte no rating). Un novo caso dun banco que despide financiando as indemnizacións con cargo ao erario público.