Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 12/4/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Milleiros de persoas convocadas pola CIG volven rexeitar nas rúas do país a reforma laboral do PP

A central nacionalista celebrou concentracións nas sete cidades galegas coincidindo co debate das emendas ao texto no Congreso dos Deputados
Milleiros de galegos e galegas volveron manifestar nas rúas do país a súa oposición á reforma laboral do Partido Popular. Coincidindo co debate das emendas á totalidade no Congreso dos Deputados, a CIG celebrou concentracións nas sete cidades de Galiza para esixir a súa retirada. A central denuncia que se trata dunha reforma pensada para facilitar o despedimento e favorecer a competitividade, pola vía de reducir salarios e rebaixar as condicións laborais substituíndo emprego fixo por precario, e considera que só coa mobilización se poden frear as políticas de recortes de dereitos laborais e sociais do PP.

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, que participou na concentración de Compostela, denunciou que a reforma laboral insírese nas políticas neoliberais, que se veñen aplicando. Políticas que cualificou como “profundamente antisociais”, de recorte de dereitos, de reformas laborais ou financeiras, de recorte do investimento público, de redución de salarios e precarización do mercado laboral que, afirmou, “non teñen nada que ver cunha saída á crise económica, todo o contrario”, porque o que provocaron, até o de agora, foi “máis paro, máis recesión e o incremeto da prima de risco”.

Políticas que, lembrou, están promovidas polo FMI, o BCE ou a CE “en defensa dos intereses da banca, do capital financeiro especulativo “e despois “son executadas polos respectivos gobernos deste estados, no caso do Estado español, polo PP, en coherencia co seu modelo ideolóxico e os intereses de clase que defenden”.

Recortes nos orzamentos

Xunto a isto, denuciou o anunciado recorte de 37 millóns de euros nos orzamentos xerais do Estado, que van supor, dixo, un novo recorte “brutal” de recursos destinados ao ensino, a saúde, pero tamén ao investimento en infraestruturas, en I+D, en servizos sociais, en prestacións de desemprego ou en fomento do emprego  e o incremento de impostos á clase traballadora. “Uns orzamentos tremendamente duros e restritivos, nun ano no que se prevé unha caída do PIB do 1,7% e un aumento do desemprego de 650.000 persoas”.

Para o secretario xeral da CIG, isto é exemplificador de para quen se goberna e os intereses de clase que se defenden con este tipo de políticas. “O capital quere aproveitar a crise económica para afondar máis neste modelo de capitalismo neoliberal, incrementar a súa marxe de beneficios e o seu poder económico e político a custo de reducir salarios, precarizar o mercado laboral, privatizar empresas e servizos públicos e debilitar á clase traballadora coa idea de deixarnos sen capacidade de resposta”.

A isto último, afirmou, “obedece a reforma” que, asegurou,  ten como obxectivo desregular as relacións laborais, individualizar as condicións de traballo e anular a negociación colectiva, pero tamén os intentos por mudar a lei de folga e o código penal. “Amosan dureza coas mobilizacións sociais pero son comprensivos e benevolentes cos delictos económicos”. Afirmación para a que puxo como exemplo o caso do alcalde de Compostela, Gerardo Conde Roa, actualmente imputado por defraudar a facenda.

Loita de clases

Para Seixo, esta situación evidencia que “estamos diante dunha loita de poder con intereses de clase confrontados”. Unha loita de poder, explicou, na defensa de modelos económicos que responden a distintos intereses de clase. “Un modelo económico como o que representa o capitalismo neoliberal”, que alcumou de inxusto, antidemocrático e “ao servizo dunha minoría que cada vez acumula máis riqueza e poder”.

Fronte a este, defendeu a existencia de alternativas para que se desenvolva outro máis xusto, solidario, democrático e ao servizo da maioría social que “garanta un reparto equitativo da riqueza e un desenvolvemento económico sostíbel social e medioambientalmente”.

Acumulación de forzas

Para este enfrontamento de clases, fixo un chamamento a acumular forzas e a orgzanizarse para “poder mudar a correlación de forzas a favor da clase traballadora”, tanto nas rúas como nas empresas, pero tamén nas institucións, para que “a soberanía popular estea en mans de forzas políticas realmente democráticas e que gobernen en funcións da maioría social e non en función dos intereses do capital financeiro especulativo”.

Por iso, o secretario xeral da CIG apelou á necesidade de seguir mobilizándose para facer que os gobernos poñan en marcha outro tipo de políticas que garantan unha saída real á crise e emprazou aos presentes a participar nos actos que a CIG está xa preparando de cara ao Primeiro de Maio “se antes non acordamos outra cousa”.

Mobilizacións en toda Galiza

As concentracións repetíronse en todas as cidades de Galiza e foron convocadas de xeito conxunto coa central nacionalista vasca ELA. Ao remate das mesmas, deuse lectura a un comunicado conxunto das dúas organizacións sindicais.

MANIFESTO CONXUNTO

NON Á REFORMA LABORAL DO PARTIDO POPULAR

A folga xeral do pasado 29 de Marzo resultou un rotundo éxito, nomeadamente en Galiza e Hego Euskal Herria. A iniciativa da convocatoria de folga partiu de Galiza e Euskal Herria, partiu do sindicalismo máis dinámico e combativo e con capacidade de proposta.

Os indiscutíbeis índices de seguimento do paro en empresas e sectores, así como as masivas manifestacións do día 29, reflicten ás claras o alto nivel de preocupación, sensibilización e rexeitamento que provocan entre a clase traballadora a reforma laboral e de negociación colectiva e os recortes de dereitos sociais, dereitos que non teñen ningunha responsabilidade na orixe da crise. Precisamente fixemos a folga para dicir basta, para parar ese desatino e para pór en valor unha formulación alternativa que é real e posíbel.

Hoxe a receita que queren aplicarnos pasa por instrumentalizar a débeda e déficit públicos, co fin de xustificar máis doadamente a axenda dos axustes estruturais. E sabemos perfectamente que alí onde estas políticas de axuste se aplicaron, o paro e a pobreza aumentaron de xeito notábel. Nesa dirección, manifestamos o rexeitamento aos orzamentos de Rajoy e ao obxectivo de unificación de políticas antisociais en todas as Administracións Públicas utilizando a vía da lexislación básica.

Por iso cobra maior valor ter referenciado arredor da folga xeral unha alternativa social da que son pezas esenciais unha política fiscal progresiva, o recoñecemento de dereitos sociais (servizos sociais, prestacións sociais, etc.), o incremento dos orzamentos dos servizos públicos (sanidade, educación, dependencia...) e a defensa duns salarios dignos, polo papel de redistribución que todo iso leva consigo.

Respecto da reforma laboral e de negociación colectiva, é radicalmente falso que vaia crear emprego. Ao contrario, o axuste salarial provoca exclusivamente precariedade e pobreza e a suposta vantaxe competitiva resulta nula cando os países competidores fan o mesmo. E é evidente que, con estas políticas e o ataque ao salario, o desemprego vai medrar aínda máis ao facilitar e abaratar o despedimento. Para completar o ataque, a reforma outorgou moito máis poder nas relacións de traballo ao empresario e busca debilitar a defensa colectiva da clase traballadora.

Neste contexto, a folga xeral do 29 de marzo en Galiza e Hego Euskal Herria certificou que hai unha clase traballadora dinámica, consciente dos tempos duros que veñen e disposta a loitar e mobilizarse para impedir o saqueo de dereitos laborais e sociais. Demostrouse a oposición aos recortes e reformas, cobraron referencia as alternativas do movemento sindical e social e, así mesmo, deuse novo impulso ás loitas nos centros de traballo, alí onde se ten que frear a reforma laboral.

Por iso, ante a inminente votación no Congreso dos Deputados das emendas á totalidade sobre a reforma laboral e de negociación colectiva, CIG e ELA queremos reafirmar o noso compromiso na loita polos dereitos laborais e sociais das xentes de Galiza e Hego Euskal Herria, á vez que animamos a militancia sindical a perseverar na loita e facer posíbel unha mudanza das políticas que nos conduciron a esta situación.

Nese obxectivo, ambos os sindicatos decidimos, de xeito coordinado, convocar mobilizacións nos nosos respectivos ámbitos de actuación este 12 de abril.

A loita continúa!

CIG

ELA

Galería de imaxes das mobilizacións.

cig.prensa@galizacig.com