Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 12/4/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Unha procesión laica convocada pola CIG-Metal simboliza o enterro do sector naval da ría de Ferrol

A Federación reclama actuacións urxentes para dotar de carga de traballo aos estaleiros e garantir a construción do novo dique
A Federación do Metal da CIG organizou, no marco da semana santa, a primeira procesión laica protagonizada por traballadores/as do naval para simbolizar o enterro do sector. Con este acción reivindicativa, a central quere denunciar unha vez máis a preocupante situación que viven os estaleiros da ría de Ferrol, sen carga de traballo, e o total abandono por parte dos gobernos galego e español ante esta dramática situación, especialmente logo de confirmarse que o Executivo estatal non ten consignado nin unha soa partida para a construción do dique flotante nin da comprometida sexta fragata.

Ataviados cos buzos de traballo e os cascos, estes particulares confrades sacaron nunha procesión laica polas rúas da cidade dúas imaxes que representan o afundimento dun buque partido pola metade, en clara referencia á situación de Navantia en Fene e Ferrol. Neste senso, o Secretario Comarcal da CIG-Metal, Vicente Vidal, subliñaba que con esta protesta a central sindical busca precisamente evitar o enterro dun sector que segue a ser o principal motor da economía da comarca.

Así o manifestaba Vidal ao asegurar que “non son confrades, son obreiros, e isto non é unha procesión é un drama real”, en referencia aos 17.000 empregos que dependen do sector e á falta de carga de traballo dos estaleiros, que a partir deste verán quedarán sen actividade.

Deste xeito, na protesta participou tamén a Asemblea de desempregados/as da CIG de Ferrol e houbo lugar para denunciar a situación crítica que están a padecer os traballadores e traballadoras do mar, cunha ría sen sanear e sen alternativas por parte da Consellaría do Mar tras da supresión do Plan de Dinamización.

Promesas incumpridas cun sector que agoniza

Dende a CIG-Metal volveuse denunciar o absoluto abandono por parte dos gobernos, que eluden as súas responsabilidades pasando o problema dunha administración a outra sen adoptar medidas concretas e urxentes, mentres o sector acumula xa case 900 traballadores/as despedidos na industria auxiliar. De feito, a pesar das mocións trasladadas dende os Concellos e o Parlamento Galego, o Executivo español desatendeu completamente a demanda de plasmar os compromisos co naval ferrolá nos Orzamentos Xerais do Estado e dende a Xunta tampouco se teñen realizado esforzos para acadar este obxectivo.

Con especial acritude o Secretario Comarcal censurou as recentes declaracións do Conselleiro de Industria ao asegurar que, logo das promesas electorais lanzadas tanto dende o PP de Galiza como o español, agora o Goberno de Madrid considera innecesario e inviábel a construción do dique flotante na ría de Ferrol. A este respecto, a Federación lembra que esta infraestrutura permitiría paliar de xeito inmediato a falta de carga de traballo e concorrer no mercado internacional de reparación de buques ao máximo nivel de competitividade.

Ademais, pasados os 100 primeiros días de goberno de Mariano Rajoy, o PP aínda non ten nomeado a nova cúpula directiva de Navantia, polo que a empresa pública non está habilitada para adoptar acordos ou decisións vinculantes. Para a CIG-Metal este adiamento demostra que a finalidade do goberno español pasa por deixar que as instalacións da ría de Ferrol vaian esgotando a súa actividade, tras do que virá un novo proceso de reconversión do sector cun drástico recorte dos cadros de persoal e o peche ou diminución de centros de traballo.

Os comités retoman as mobilizacións

Por outra banda, os comités de Navantia e das industrias auxiliares retoman esta semana as mobilizacións en demanda de solucións urxentes para o sector coa convocatoria dunha asemblea aberta a toda a cidadanía, a través da que queren dar a coñecer a situación real dos estaleiros.

Ademais, os membros dos Comités e delegados/as da industria auxiliar permanecerán pechados nas dependencias do Concello de Ferrol até a tarde, cando teñen previsto manter un encontro cos alcaldes da comarca.

Galería de imaxes da procesión laica

cig.prensa@galizacig.com