Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 12/5/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG-Ensino esixe da Xerencia do Consorcio que cumpra a circular do propio organismo sobre desfrute das vacacións

O organismo estase negando a aprobar os calendarios presentados polas Escolas e dando instrucións para a súa modificación
O pasado 3 de maio a CIG-Ensino presentou un escrito dirixido ao Xerente do Consorcio para demandar que de inmediato dera ordes de substituír a todas as traballadoras e traballadores nos seus períodos vacacionais, sen excepcións nin desculpas de ningún tipo. Este escrito era presentado despois de constatar desde o sindicato que o Consorcio non estaba a realizar estas substitucións e que utilizaba esta circunstancia como medida de presión contra as Escolas, para obrigalas a cambiar o calendario de vacacións das traballadoras e os traballadores.

A CIG-Ensino comprobou, tamén, que o Consorcio está negándose a aprobar os calendarios presentados polas Escolas e dando instrucións para a súa modificación que conculcan o recollido na circular de 4 de febreiro sobre disfrute de vacacións emitida e asinada polo propio Xerente. Neste momento, o Consorcio pretende imporlle ás traballadoras e aos traballadores un período mínimo de vacacións que é superior ao estipulado na circular, e ademais pretende esixir que as vacacións sexan alternativas entre as traballadoras o que dificulta o seu disfrute.

Por outro lado, o Consorcio enviou ás Escolas unhas instrucións que contradín a circular e que como proba da súa alegalidade é o primeiro en incumprir, pois nesas instrucións di que lle comunicará ás Escolas antes do 10 de abril que cuestións deben ser modificadas nos calendarios, cando despois desa data e mesmo neste mes de maio está contactando coas Escolas para dicirlles que non lles acepta o calendario presentado xa antes do 30 de marzo, o que conculca claramente a circular onde se recolle que a 30 de abril os calendarios de vacacións estarán ultimados, ou sexa, aprobados.

Cómpre sinalar que todos estes obstáculos se producen este ano e que as Escolas se encontran con que os calendarios de vacacións que lles foron aprobados ano tras ano, non se lles queren aprobar agora. Por outro lado hai que denunciar a actitude do Consorcio que lles trasladas ás Escolas que non lles acepta o calendario mais, nalgúns casos, non lles comunica cales son os motivos polos que non llos quere admitir, obstaculizando o labor das Escolas.

A CIG-Ensino rexeita que o Consorcio estea tentando impoñer ás escolas uns criterios que contradín o recollido na circular. Por iso hoxe mesmo, a CIG-Ensino presentará un novo escrito esixindo que se cumpra a circular e, neste sentido, entendemos que todos os calendarios quedaron aprobados o 30 de abril como nela ser recolle. Ao tempo, adiantamos que promoveremos as medidas legais oportunas se o Consorcio persiste en negarse a aceptar os calendarios de vacacións presentados polas Escolas en tempo e forma, malia axustarse ao recollido na circular..

A CIG-Ensino rexeita a actitude da Xerencia do Consorcio que ten manifestado reiteradamente a súa ineficacia, a que pretende tapar agora con medidas impositivas e sempre negándose ao diálogo desde unha actitude de prepotencia. Neste sentido, desde a CIG-Ensino, lembrámoslle que temos solicitado unha entrevista desde o pasado mes de decembro.

cig.prensa@galizacig.com