Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 12/6/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A Inspección de Traballo emite un informe desfavorábel ao ERE de Caramelo

A administración comprométese a "capitanear" un novo proceso de negociacións na empresa
A Consellaría de Economía e a de Traballo comprometéronse a iniciar un novo proceso de negociación en Caramelo, capitaneado pola propia administración, logo de ter coñecemento do informe contrario ao ERE emitido pola Inspección. E así llo trasladaron aos traballadores/as na reunión celebrada na mañá do 12 de xuño, mes e medio despois de ser solicitada polo Comité e os sindicatos, e co recente decreto do peche patronal da fábrica.

A responsábel de téxtil da CIG, Dores Martínez, valoraba de xeito positivo a reunión poucos minutos despois de rematar o encontro entre a representación social e o conselleiro de Economía e o director xeral de Relacións Laborais da Consellaría de Traballo, quen se comprometeron a inciair un novo proceso de negociacións en Caramelo.

Martínez explicou que o primeiro punto presentado polo Comité e os sindicatos foi o “inmediato” levantamento do peche patronal decretado na mesma mañá do 12 de xuño na fábrica de A Grela, porque “non existe legalidade que sustente esta decisión”.

Martínez informou que ás sete da mañá, as traballadores e traballadores que acudían a incorporarse con normalidade ao seu posto atopáronse colgada na porta da planta coruñesa un cartaz no que se comunicaba o peche temporal. Contra esta decisión, Odilo Martiñá, director xeral de Relacións Laborais, comprometeuse a emitir ao longo da xornada deste venres unha resolución contraria á medida unilateral da patronal, emitida logo dos acontecementos rexistrados na fábrica o xoves.

Novo marco de negociacións

A este respecto, Martínez indicou que dende a administración pretenderon facer valer estes feitos, aínda que a única resposta que obtiveron por parte dos traballadores/as foi “vós sodes os responsábeis”. Neste senso, dende a representación social reprocharon a ambas Consellarías ter demorado máis de mes e medio a convocatoria de xuntaza, dende que esta foi solicitada polo Comité.

Pola súa banda, tanto o Conselleiro de Economía, Javier Guerra, como o director de Relacións Laborais comprometéronse a iniciar un novo proceso de negociacións capitaneado polas dúas Consellarías, cuxa primeira xuntaza “neste novo marco de negociacións” podería materializarse a principios da próxima semana.

Informe desfavorábel

Non obstante, unha das mellores noticias da que tiveron coñecemento os traballadores e traballadoras de Caramelo durante a reunión foi o informe contrario ao ERE emitido pola Inspección de Traballo, no que se considera que non existen causas económicas ou de produción que xustifiquen o despedimento de 237 persoas. “O informe que elabou a Inspección é claramente desfavorábel ao ERE en todos os térmos e será a premisa que utilicemos no novo proceso de negociación”, subliñou a responsábel de CIG-Téxtil.

Martínez tamén adiantou que os traballadores/as van manter a mesma liña que viñan desenvolvendo até o de agora de reixeitamento absoluto ao expediente de regulación, “dentro do que non é posíbel un acordo, pero fóra del estamos abertos a negociar todas aquelas cuestións que a empresa queira tratar”.

Ralentizar ás mobilizacións

Neste marco, a administración pediu ao conxunto do persoal que “ralentice” as medidas de presión e conceda un voto de confianza, até que bote a andar ese novo proceso de negociación. Será a asemblea de traballadores/as a que decida se continúa co calendario de accións previstas ou se aprazan as mobilizacións á espera da marcha do proceso.

cig.prensa@galizacig.com