Para a Executiva Confederal da CIG, o rescate suporá a transferencia da débeda dos bancos ao sector público, porque o Fondo de Estabilidade Europeo a quen lle presta os cartos, realmente, é ao FROB. Isto terá como consecuencia un incremento significativo do déficit e da débeda pública e levará aparellada a exixencia de novas medidas de recorte que empeorarán aínda máis as condicións de vida da clase traballadora, da maioría social, hipotecando, ademais, o futuro da nosa mocidade.
O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, considera que a situación na que se atopa o estado español, non se debe a que houbera moita débeda pública, senón á débeda privada, nomeadamente á que foron contraendo as entidades financeiras españolas con entidades financeiras dos países europeos, fundamentalmente con Alemaña.
Unha débeda moi vinculada á burbulla inmobiliaria, por teren concedido créditos de forma xeneralizada a irresponsábel, e incrementada por mor da súa posta en circulación nos mercados especulativos. “Un enorme burato negro que teñen que pagar nos próximos meses e para o que non teñen recursos. Por iso, agora o Estado ten solicitar este préstamo ao FEE, para garantir que os bancos poden pagar ás entidades financeiras europeas, e se eles non poden, teñen a garantía de que a débeda a asumirá o Estado”.
Seixo afirma que a situación derivada da decisión de solicitar o rescate “é gravísima” e alerta de que non vai garantir que flúa o crédito á pequena e mediana empresa, nin axudar a reactivar a economía e crear emprego. “Son cartos que van destinados unicamente a pagar os pufos que a banca española ten contraídos coa banca alemá. Vai agravar aínda máis a situación, non vai favorecer a recuperación económica e tampouco á creación de emprego. Terá consecuencias directas nas condicións de vida das persoas, rebaixará máis as condicións salariais e provocará un empeoramento da calidade dos servizos públicos”.
Ante esta situación a CIG acordou promover mobilizacións para denunciar o saqueo dos bancos e dos gobernos á clase traballadora; denunciar aos responsábeis da crise; exixir responsabilidades e demandar que o estado non pague a débeda ilexítima, consecuencia da especulación. O pasado día 15 de xuño celebráronse concentracións de delegados/as en todas as comarcas e para o vindeiro día 1 de xullo hai convocadas manifestacións nas sete cidades e en Vilagarcía e A Estrada.
Horarios e lugares das manifestacións:
-A Coruña: ás 12:00 horas dende a Praza de Vigo.
-Santiago: ás 12.00 horas dende a Praza Roxa.
-Lugo: ás 12:00 dende a Ronda da Muralla (edificio sindical).
-Ourense: ás 12:00 horas dende o Pavillón dos Remedios.
-Pontevedra: ás 12:00 horas dende a Praza da Ferrería.
-Vigo: ás 12:00 horas dende o cruce da Doblada.
-Vilagarcía de Arousa: ás 12.00 horas dende a Casa do Mar.
-A Estrada: ás 12.00 horas dende a Praza do Concello.