Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 12/6/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Adolfo Domínguez premia con cantidades millonarias os seus directivos/as mentres despide traballadores/as e recorta soldos

A empresa téxtil ourensá presentou un ERE que afecta a 50 persoas e unha proposta de redución salarial do 5%
Os membros do consello de administración e de alta dirección da empresa Adolfo Domínguez recibiron 981.000 euros no ano 2011, o que supón un aumento do 2,4% respecto ó ano anterior, segundo os datos facilitados á Comisión Nacional do Mercado de Valores. Seis conselleiros recibiron 763.000 euros, fronte aos 758.000 do ano 2010, e tres persoas que forman parte da alta dirección, pero non son conselleiros executivos, obtiveron unha retribución de 218.000 euros fronte aos 200.000 do ano anterior.

Así mesmo, a pesar das perdas atribuídas no ano 2011, a empresa ten como beneficiarios de contratos a tres membros de alta dirección que establecen indemnizacións máximas por rescisión de 60 mensualidades, un número que superaba o establecido no Estatuto dos Traballadores de 42 mensualidades e 12 mensualidades que establece a reforma laboral aprobada recentemente.

Ademais deste trato “despilfarrador e abusivo” no exercicio 2011, Adolfo Domínguez manterá para o presente ano, no que se reducen considerablemente os salarios dos traballadores/as, as retribucións dos membros do consello de administración, que percibirán 36.000 euros anuais por conselleiro, mentres que os do comité de auditoría se embolsarán 7.000 euros anuais cada un; outros membros ingresarán 2.500 euros; todas estas cantidades serán percibidas con independencia dos soldos, retribucións, indemnizacións, pensións ou compensacións doutra clase establecidas para os conselleiros que cumpran funcións executivas. Os conselleiros executivos terán asignada unha retribución anual por importe de 556.000 euros anuais. A pesar da crise en dividendos os administradores, directivos ou accionistas recibiron 449.000 euros no ano 2011 e no ano 2010 962.000 euros.

O secretario comarcal da CIG en Ourense cualificou de “esperpéntico” que os actuais responsábeis da crise económica pola que atravesa a empresa nos últimos anos sexan premiados con suculentos ingresos. Neste senso, Etelvino Blanco indicou que “só eles teñen a culpa coa súa nefasta xestión de que unha empresa tan importante no sector téxtil se vexa abocada á situación actual”. De feito, a empresa ten enriba da mesa un ERE para 50 persoas e unha proposta de baixada salarial do 5%.

Asegurou tamén que unha vez máis son os traballadores e traballadoras os que pagan a ineficacia da dirección empresarial con despidos e recortándolle os xa baixos salarios e futuras pensións, “o que resulta inmoral”. Estes motivos -lembra- levaron á CIG a rexeitar o Expediente de Regulación de Emprego que acordaron as outras centrais sindicais e a empresa.

cig.prensa@galizacig.com