Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 12/7/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Bombeiros do Porriño, Ribadumia e Vilagarcía inician unha folga indefinida para reclamar a readmisión de dous compañeiros

A empresa despediunos un día antes de que rematase o período de proba e os afectados iniciaron peches e unha folga de fame
Os bombeiros do Porriño, Ribadumia e Vilagarcía iniciaron este luns unha folga indefinida en protesta polo despedimento de dous dos traballadores do parque porriñés e para reclamar estabilidade laboral. A empresa Celta Prix, encargada da xestión dos parques comarcais pontevedreses, decidiu prescindir dos seus servizos un día antes de que rematase o período de proba alegando que o perfil non se adaptaba ás súas necesidades e os afectados iniciaron peches e unha folga de fame.

Os bombeiros, diante da Deputación de Pontevedra, onde permaneceron acampados.

O delegado sindical da CIG no parque do Porriño, Afonso García, explicou que a folga iniciouse como medida de protesta polo bloqueo nas conversas coa empresa. Hoxe mesmo está previsto que a compañía os convoque a unha nova xuntanza.

Os dous afectados, Iago Carregal e Xullo Gonzalo, optaron por pecharse nas instalacións do polígono da Gándara e iniciaron unha folga de fame. Tanto eles como os seus compañeiros permaneceron tamén varios días acampados diante da Deputación de Pontevedra para reclamar unha reunión co presidente provincial. Decidiron abandonar as protestas ante o inicio duns contactos que até o de agora non deron resultado. A empresa propón que os dous bombeiros se sometan a unha nova entrevista persoal cun psicólogo, mentres que os representantes sindicais optan por que traballen cada mes nun parque distinto para que poidan se avaliados polos seus superiores. A compañía négase a aceptar esta posibilidade.

Finalmente, Afonso García denunciou o establecemento duns '”servizos mínimos abusivos'” no parque do Porriño, onde debe permanecer un retén de tres persoas por cada quenda, “é dicir, as mesmas que están o resto do ano”.

cig.prensa@galizacig.com