Coa protesta, os traballadores e traballadoras de Correos queren facer unha chamada de atención á cidadanía sobre o deterioro que está a sufrir o servizo postal, auspiciado no marco dos recortes impostos polos gobernos do PP a todo o sector público. Dende as organizacións sindicais con representación en Correos denúnciase que nos vindeiros meses se van suprimir miles de postos de traballo (o Presidente de Correos fala da “necesidade” de reducir o 25% do actual cadro de persoal), co consecuente deterioro na calidade do servizo (máis atrasos e outras deficiencias).
Neste senso, denuncian que a día de hoxe xa desapareceron seccións de reparto urbanas, prazas de carteiros/as rurais, centros automatizados, etc. De feito, o persoal de carteirías de Vigo está en folga indefinida dende hai semanas pola supresión do 25% das áreas de reparto. Curiosamente, mentres se propón a redución de 2.000 funcionarios/as por medio de baixas incentivadas e traslados a outros ministerios, mantense a proporción de un xefe por cada 6.5 empregados/as.
A recente incorporación de Correos á SEPI, sinalan, tampouco axuda a disipar a preocupación do colectivo de traballadores/as sobre o futuro da empresa. Por iso, advirten de que todo o paquete de medidas que se está a tomar en Correos vai encamiñado a mudar o modelo actual da empresa, obviando o seu carácter como servizo público universal, que ten encomendando por lei.
A este respecto, as centrais sindicais rexeitan o progresivo desmantelamento de Correos e o escaso financiamento público para garantir o seu funcionamento. Para este ano xa hai unha previsión de -166 millóns de euros en perdas e o propio Presidente de Correos recoñeceu que o estado adebeda á empresa 476.1 millóns de euros. Estas perdas, alertan, serán a coartada perfecta para xustificar novos recortes.