Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 12/7/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Os traballadores/as de Emesa maniféstanse para esixir a Previdente retirada do ERE ou facilidades para a venda da fábrica

As traballadoras de Mafecco sumáronse tamén á mobilización en contra do expediente de extinción na fábrica téxtil, cuxo período de consultas rematou este xoves
Os traballadores e traballadoras de Emesa Trefilería manifestáronse a primeira hora da tarde deste xoves polas rúas do Polígono de Sabón para esixir ao grupo propietario, Previdente, que manteña a actividade da factoría, retire o ERE de extinción para os seus 71 operarios/as ou facilite a venda da fábrica ás posíbeis compañías interesadas. Á marcha tamén se sumaron solidariamente as traballadoras de Mafecco, que reiteraron o seu rexeitamento ao expediente de regulación proposto pola empresa téxtil para 42 empregadas.

A manifestación saía ás 14:00 horas de diante das instalacións da fábrica de trefilería para percorrer a rúa até a rotonda de acceso ao Polígono de Sabón. Dende alí, a marcha dirixiuse ás portas da factoría de Mafecco, xa que as traballadoras desta empresa (que levan unha semana en folga) acordaron apoiar ás reivindicacións dos compañeiros/as de Emesa e ao mesmo tempo rexeitar o ERE proposto pola dirección da firma téxtil, do que hoxe tivo lugar a última reunión do período de consultas.

Pola súa banda, o Secretario do Comité de Emesa Trefilería e delegado da CIG, Óscar Gónzalez, demandou do grupo propietario, o portugués Previdente, a retirada ou paralización inmediata do ERE e que facilite a venda da factoría en condicións asumíbeis. “Xa levaron de aquí moitísimos cartos e se agora queren irse, consideramos que teñen que vender a empresa a un prezo módico”, afirma.

Previdente pretende que as empresas interesadas nas instalacións de Sabón asuman unha débeda de entre 8 e 10 millóns de euros e a maiores estabelece o prezo da venda en 14 millóns de euros, cando ao grupo luso mercou a planta no 2004 por 2 millóns. “Previdente xa levou 25 millóns de euros de Emesa Trefilería para realizar unha operación, cando menos dubidosa, de compra dunha factoría en Italia, que xa daba perdas no momento da súa adquisición e ségueas dando”, lembra o Secretario do Comité. “Nestas condicións sáelles unha operación redonda: entre os 25 millóns de Emesa, que lle asuman á débeda e o que piden pola fábrica, estamos a falar duns 50 millóns de euros en total”.

En canto aos posíbeis compradores, González puntualizou que parece haber tres ou catro ofertas, xestionadas a través da Xunta de Galiza, polo que o persoal tamén demanda da administración galega un compromiso e esforzo nidio na defensa dos postos de traballo e do sector industrial da comarca.

O representante dos traballadores/as lembrou que Emesa Trefilería continúa a ser a empresa máis rendíbel de Previdente, ten carga de traballo e unha carteira de clientes estábel, pero que o único obxectivo da compañía é pechar a fábrica coruñesa para deslocalizar á produción á outras instalacións que o grupo ten en Portugal. Fronte a isto, o persoal xa ten convocada unha nova mobilización para mañá venres, diante do Hotel AC da Coruña, xa que este é o lugar elixido pola dirección para celebrar as xuntanzas coa parte social.

Galería de imaxes

cig.prensa@galizacig.com