Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 13/1/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

CIG Mar presenta nova documentación que avala a denuncia contra as empresas que contratan mariñeiros indonesios

Xabier Aboi criticou con dureza a pasividade mostrada pola Administración
O responsábel de CIG-Mar, Xabier Aboi, presentou nova documentación sobre a situación dos mariñeiros indonesios que traballan en barcos con bandeira ou con intereses españois, que avala as denuncias feitas por esta central o pasado mes contra as empresas intermediadoras. Aboi tamén lanzou críticas á Consellería de Traballo, de Pesca, á Inspección de Traballo e á Fiscalía por ignorar as graves circunstancias laborais nas que se atopan estes traballadores.
Xabier Aboi e Xesús García Couso ofreceron unha rolda de prensa para presentar nova documentación sobre a grave situación laboral que padecen os mariñeiros indonesios que traballan en barcos de bandeira española.

O responsábel do sector do Mar da CIG, Xabier Aboi, compareceu en rolda de prensa acompañado de Xesús García Couso, responsábel de negociación colectiva da FGAMT, para explicar que a central conta con nova información e documentación sobre a actividade das empresas intermediadoras que contratan traballadores indonesios, así como gravacións con declaracións dos propios mariñeiros afectados.

Aboi deu conta da copia dun contrato asinado por un mariñeiro e un membro de Crewnova en Indonesia, que actuou como representante dun armador de Ribeira. Nel estabelécese que o salario total a percibir será de 300 dólares ao mes, moi por debaixo do salario mínimo que marca a lexislación española e moi lonxe daqueles 850 euros que algúns implicados se apresuraron a afirmar que cobraban os indonesios. No contrato non se recolle a cotización á Seguridade Social nin o aboamento dun seguro de accidentes. Polo que respecta ás horas de traballo di literalmente que serán “as que marque o capitán”.

Retención dos salarios durante tres meses 

Entre as particularidades que aparecen no documento tamén se estabelece un periodo de tres meses de proba para o mariñeiro. Neste tempo, a empresa reterá o pagamento do salario como “garantía” no caso de que o traballador queira volveu ao seu país ou sexa repatriado. O aboamento deste salario non se fará efectivo até que remate o contrato, neste caso 18 meses.

En canto ás cláusulas contractuais, especifícase que poderá ser despedido se ten na súa posesión alcohol (sen especificar a cantidade), se perde ou se o capitán considera que o desobedeceu, neste caso non percibirá ningún salario e os gastos da viaxe de regreso a Indonesia correrán a cargo do mariñeiro. Ademais, se o traballador sofre un accidente ou enferma durante o periodo de contrato, a indemnización que lle correspondería podería ser denegada no caso de que houbese algún indicio que xustifique que cometeu unha neglixencia.

“Estes documentos desmontan o que algúns pretenderon asegurar ante os medios”, afirmou Xabier Aboi. O responsábel de Mar reiterou que a CIG “non vai ser cómplice nin meterse nunha guerra entre empresas nin irlle ás contas aos mariñeiros” e deixou claro que o papel d CIG chegou até aquí, a Administración é a que ten que cumprir co seu traballo”.

Críticas á pasividade da Administración

Aboi lanzou duras críticas contra a pasividade mostrada pola Consellería de Pesca, a de Traballo, a Inspección e a Fiscalía. “Están desaparecidos”, afirmou Aboi, quen informou que tan só recibiron unha escrito por parte da Inspección de Traballo da Coruña en resposta á denuncia presentada hai máis dun mes, no que se da conta de que se remitiu a denuncia ás Inspeccións de Pontevedra e Madrid. “Nin sequera saben que Shipopesca ten unha nova sé en Xove”, criticou.

En canto á Consellaría de Traballo a única resposta “que obtivemos foi que non atoparan anomalías. O normal sería que se puxeran en contacto con nós para pedirnos a información e documentación que temos. A que están esperando, que hai que ocultar?”. No que respecta á actuación da Fiscalía, Aboi asegurou que “ten a obriga de iniciar de oficio unha investigación, posto que si pode intervir nas contas destas empresas e descubrir todo o que hai detrás”.

Caso en Sines e a Garda

O responsábel de CIG-Mar explicou que neste momento hai un barco en Sines, Portugal, que ten cinco tripulantes de orixe indonesia (no país veciño non se permite a contrata de estranxeiros) e que están todos como técnicos de frío, cando se trata dun barco que non ten conxeladores.

Tamén informou que nos últimas semanas recibiron varias denuncias procedentes do Porto da Garda nas que lles aseguraron que a maioría dos barcos de altura desta rada teñen enrolados a mariñeiros indonesios.

Nova relacionada

cig.prensa@galizacig.com