marco
A Coruña, 13/1/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Milleiros de persoas manifestáronse en Vigo contra o masacre israelí en Gaza

A CIG FOI UNHA DAS ORGANIZACIÓNS CONVOCANTES
O pasado sábado 10 de xaneiro, máis de cinco mil persoas percorreron as rúas de Vigo, nunha mobilización convocada por diversas organizacións, entre elas a CIG, para pedir o cese do masacre en Gaza e para expresar a solidariedade do pobo galego co palestino, o que para os convocantes supuxo un "rotundo éxito" que demostra a elevada sensibilidade do pobo galego con Palestina.
Consignas como "Palestina vencerá!", "O pobo galego, co pobo palestino", "Estado sionista, estado terrorista" resoaron durante todo o traxecto da manifestación que discorreu dende Vía Norte até a Porta do Sol.

Foi na Porta do Sol, onde a actriz Uxía Blanco, en nome de todas as organizacións convocantes deu lectura a un "Manifesto de apoio ao pobo palestino", que se reproduce integramente ao final desta reseña, no que se condenaba a ofensiva militar israelí, que cualificaron de "criminal" e "xenocida", e demandaba accións concretas contra o estado de Israel, no ámbito internacional, fronte a actual inoperancia da ONU.

O manifesto solicitaba o cesamento de toda hostilidade e a fin da ocupación israelí, e subliñaba que a paz para ser duradeira só poderá construírse dende o recoñecemento dos dereitos nacionais do pobo palestino.

Esta manifestación encadrouse no marco dunha Xornada de Mobilización Nacional por Palestina impulsada pola Asociación Galiza por Palestina e outras organizacións, na que se celebraron concentracións e manifestacións en numerosas vilas e cidades do país.

DOMINGO 18, MANIFESTACIÓN NACIONAL EN COMPOSTELA

Por outra banda para o próximo domingo día 18, está convocada unha Manifestación Nacional, que sairá ás 12:00h da Alameda de Santiago de Compostela, baixo o lema "GaLIza con Palestina, non ao masacre!".

 

MANIFESTO DE APOIO AO POBO PALESTINO

"A morte de calquera persoa diminúeme, porque eu formo parte da humanidade; por tanto nunca mandes a ninguén a preguntar por quén dobran as campás: dobran por ti."

Estas verbas do poeta inglés John Donne, exemplifican á perfección o sentir da inmensa maioría do pobo galego fronte ao masacre que está a ter lugar no territorio palestino da Faixa de Gaza. Hoxe, todas e todos somos palestinos.

Como era previsíbel o estado de Israel deu lamentabelmente unha volta de torca ao masacre  que está a emprender contra o pobo palestino, ao proceder a unha invasión terrestre que foi precedida dun bombardeo masivo que custou a vida de centos de inocentes, así como a destrución de infraestrutura civil en Gaza. Todo tras moitos meses dun asedio que impediu sistematicamente a entrada de subministros esenciais para a poboación civil.

O balanzo de vítimas da agresión israelí polo momento é de 630 mortos, e máis de 3000 feridos, moitos deles mulleres e nenos. Estas terríbeis cifras son o resultado da acción criminal do estado de Israel, que non dubida mesmo en atacar escolas de titularidade da ONU, como aconteceu recentemente.

Hai que sumar ademais os case cinco milleiros de vidas segadas dende a segunda intifada, así como os tremendos efectos que accións como o bloqueo de fronteiras, a ocupación de territorios, e o muro da vergoña en Cisxordania, provocan no conxunto de Palestina.

Este actos, de deliberado ataque contra a poboación civil, representan crimes de guerra segundo o establecido nas sucesivas Convencións de Xenebra. Estamos pois, perante unha acción non só desproporcionada no militar, senón completamente ilexítima e contraria ao ordenamento internacional.

Lamentamos a teimosía dos EUA en xustificar ao seu aliado e a posición ambigua da UE, non foi quen nin tan sequera de emitir unha declaración de condena deste masacre. Exisimos, en consecuencia, que o estado español, no marco da Convención de Xenebra, da que é estado membro, proceda a solicitar a condena internacional e inicie as actuacións oportunas fronte aos citados crimes.

Este feito vergoñento é un síntoma máis, que evidencia a necesidade urxente de reformar a ONU, para a converter nun verdadeiro actor operativo e solvente na arbitraxe internacional e garante da paz.

As accións do estado de Israel teñen por único obxectivo o sometemento pola vía da violencia do pobo palestino. Esta dramática ofensiva militar tan só pretende esmagar a vontade de resistencia de Palestina, fronte unha ocupación que vulnera numerosas resolucións das Nacións Unidas.

A sociedade viguesa, e o conxunto do pobo galego, reafirmámonos na profunda solidariedade co pobo palestino e no noso desexo de paz no mundo, que tantas veces e tan claramente temos expresado.

Apelamos á paz, sabendo que esta só será sólida e duradeira se está construída dende a base da xustiza. Xustiza que significa o cumprimento das resolucións internacionais a respecto da creación dun estado palestino libre, soberano e independente.

Reclamamos  tamén da Unión Europea a ruptura de relacións diplomáticas e económicas co estado de Israel, mentres manteña o seu arrepiante empeño en ser unha ameaza para a seguridade e a paz no mundo.

Instamos por último a unha acción internacional decidida para frear esta agresión unilateral e inxustificada contra Palestina, mesmo co envío de observadores e forzas de interposición baixo mandato das Nacións Unidas.

Hoxe a cidadanía viguesa mobilizámonos para xuntar a nosa voz ao clamor internacional que esixe o cese da invasión terrestre e dos bombardeos na faixa de Gaza, o remate de toda hostilidade contra o pobo palestino e a fin da ocupación israelí.

Hoxe todas e todos somos palestinos.

Pola paz, por xustiza: deteñamos o exterminio do pobo palestino.