A continuación reproducimos a folla informativa que a CIG-Metal está repartindo entre os traballadores do Metal:
O 9 de maio de 2006, na folga pola negociación do Convenio e cando os traballadores pretendíamos concentrarnos na Estación de Renfe de Vigo, a policía cargou dunha maneira descomunal, con ensañamentos, cercando os traballadores que accederan á praza. Resultaron feridos vintetrés compañeiros do Metal, dos que tres tiveron que quedar ingresados durante varios días no Xeral. A maiores, foron detidos trece traballadores de distintos sectores (naval, aluminio, mecanizados e automóbil) que como todos os demais só cometeron o delito de intentar defenderse daquela brutal pallosca.
Xa é recorrente o odio que manifesta a policía contar os traballadores do sector, que en cada mobilización pola defensa dos nosos dereitos no traballo e do noso salario sempre empregan unha sádica violencia contra nós. Dende as primeiras folgas dos 70 e 80 e as posteriores en defensa do convenio, temos na memoria episodios tremendos de brutalidade, que logo a prensa dos empresarios xustifica acusando aos traballadores de agredir á policía.
O sistema político sempre favorábel aos ricos non tolera que os traballadores mostren unha actitude inquebrantábel de dignidade e consciencia. Todas estas actuacións da Policía pretenden sembrar o pánico e o medo para desactivar a unidade e as respostas dos traballadores. Podemos imaxinar cal sería o noso convenio senón tivésemos loitado todos estes anos para melloralo. Neste convenio decidiron converterse na nosa sombra, sen deter a ninguén pola resposta que saben que daríamos, pero multaron indiscriminadamente para castigar economicamente a fráxil economía dos traballadores, Reiteramos que é a vontade da CIG non permitir que ningún traballador teña que pagar estas sancións.
Pero os días 19, 20 e 21 deste mes xulgan aos trece compañeiros detidos naquela carga. A petición de cadea dende a Fiscalía, é dicir o Goberno, vai dende os tres anos para a maioría deles, chegando a penas superiores para tres dos compañeiros acusados. Esta petición, de confirmarse, significaría o ingreso en prisión. A acusación é de resistencia e atentado contra a policía. Parecería unha broma grotesca, senón implicara unha situación tan seria e comprometida como a propia liberdade destes traballadores. Defenderse dos paos da policía é resistencia e atentado.
Non nos pasa pola cabeza que estes compañeiros poidan ser castigados con prisión, non podemos permitilo, a nosa resposta o día do xuízo debe ser de todos, sen abandonalos. Aqueles que non queiran apoialos, estaranos condenando, estarán dando a razón aos que nos criminalizan. Como poderíamos vivir e mobilizarnos coa ameaza de que a calquera de nós nos poderían castigar igualmente dunha maneira tan inxusta?
O día 19 a CIG convoca unha folga no Metal dende as 09:00 horas até as cinco horas laborais seguintes e nas catro primeiras horas da quenda de tarde. Os seguintes días chamamos a concentrar aos delegados/as de todos os sectores. Non podemos fallar por estes compañeiros e polo propio convenio.