Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 13/10/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Miles de persoas botáronse ás rúas en As Pontes en contra do decreto do carbón

A Plataforma demanda a modificación da nova normativa para garantir o futuro dos empregos e da economía da comarca
Máis de 3.000 persoas participaron o pasado venres 8 de outubro na manifestación convocada en As Pontes contra o decreto do carbón e na defensa dos postos de traballo dependentes da actividade da central térmica. A marcha, convocada pola Plataforma contra o decreto do carbón, foi unha nova mostra do rexeitamento social que esta normativa, que discrimina a produción eléctrica galega en favor doutras centrais do estado, suscita tanto entre os traballadores/as afectados/as como na cidadanía en xeral.

As rúas de As Pontes acollían o pasado venres unha gran manifestación para demandar a modificación do R.D. 1221/2010, máis coñecido como Decreto do carbón, de xeito que permita manter activas as centrais de Meirama e As Pontes e se garanta a continuidade de todos os empregos. Mesmo os comercios e a hostalaría se sumaron á marcha pechando as portas dos estabelecementos en resposta a unha normativa que suporá un duro golpe para a economía desta comarca.

A manifestación estaba convocada pola plataforma en contra do decreto do carbón, integrada pola CIG, a USTG, o BNG e o Concello de San Sadurniño, e contou coa presenza de representantes políticos, membros dos Comités das centrais de Meirama, As Pontes e Sabón, así como o Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, o Secretario Nacional da Federación de Químicas, Alberte Gonçalves, ou os voceiros da Unión Comarcal da CIG de Ferrol.

A poetisa Medos Romero foi a encargada de ler o manifesto ao remate da marcha no que denunciou as consecuencias nefastas que a aplicación do decreto traerá para a comarca ao tempo que demandou ao goberno estatal a modificación do Real Decreto. Neste senso, hai que lembrar que a normativa suporá a paralización das centrais galegas até o ano 2014 e porá en perigo os máis de 3.500 empregos que dependen da actividade destas plantas.

A este respecto, os delegados da CIG na central de Sabón advertían xa a semana pasada que os traballadores/as recibiron a noticia de que, en aplicación do decreto, dos tres grupos de produción pecharán dous o que suporá pasar de 82 traballadores/as a 41, ou o que é o mesmo, unha perda do 50% do emprego directo.

Xuntanza da Plataforma este venres

Dende a Plataforma reiterouse o chamamento a participar na convocatoria aberta a entidades, asociacións, etc., que terá lugar este venres día 15 ás 19:00 horas. Neste senso, Xesús Anxo López Pintos e Manuel Grandal, voceiros da CIG de Ferrol, subliñan que a aprobación do Decreto, “e por se quedaba algunha dúbida, deixa ben claro que a nosa comarca non ten cabida algunha na produción eléctrica nos vindeiros anos”.

Recurso contra o Decreto

A CIG vai presentar un recurso, diante do Tribunal Supremo contra o Decreto pedindo a súa suspensión cautelar, en base aos sucesivos informes contrarios da Comisión “Nacional” da Enerxía e da Comisión “Nacional” da Competencia. A central sindical defende unha modificación da normativa que consiste en distribuír, de xeito proporcional ao seu peso no mix de xeración, entre todas as tecnoloxías de produción eléctrica: Hidráulica, Nuclear, Carbón Importado, Ciclos Combinados, Fuel e Renovábeis, a cota política do 9% asignada ao Carbón Español, de xeito que o impedimento para producir non sexa soportado fundamentalmente polo Carbón Importado e polos Ciclos Combinados, limitándose así os efectos negativos que este Real Decreto ten para a produción eléctrica en Galiza.

cig.prensa@galizacig.com