Os voceiros Comarcais da CIG de Ferrol, Xesús A. López Pintos e Manel Grandal, foron os encargados de dar a coñecer a campaña que a central nacionalista está a desenvolver e que dá continuidade ás mobilizacións realizadas antes do verán na defensa do emprego e dos servizos públicos.
Alén da axitación nos centros de traballo que xa se está a realizar, a Unión Comarcal ten programado para o martes 18 de outubro unha rechamante mobilización. Ás 11:30 horas sindicalistas e delegados/as da central concentraranse no Peirao de Curuxeiras, equipados coas súas respectivas maletas, para tomar un barco co que percorrerán os peiraos e estaleiros da ría de Ferrol. A idea é simbolizar a problemática sociolaboral que vive a comarca e denunciar a falta de alternativas económicas que teñen convertido á bisbarra nunha das zonas con maiores taxas de desemprego do estado. “A única saída que nos queda é a emigración”, criticaron os responsábeis da CIG de Ferrol.
Con esta mobilización preténdese levar tamén a mensaxe da campaña a todos os concellos da ría e concienciar á cidadanía da necesidade de loitar por un novo modelo económico e social que permita unha saída á crise favorábel á clase obreira.
Ao día seguinte, 19 de outubro, ás 19:00 horas, terá lugar nos Cantóns de Molíns unha asemblea aberta a toda a cidadanía na que participarán os voceiros comarcais da CIG de Ferrol e o Secretario Xeral, Suso Seixo, para explicar os obxectivos da campaña e as alternativas defendidas dende a Confederación Intersindical Galega. Durante o acto tamén se proxectará o vídeo-documental “A crise, o sistema e a soberanía” realizado pola CIG. No caso de que o tempo non acompañe, dende a CIG de Ferrol informaron que a asemblea será trasladada até o centro social de novacaixagalicia.
Xornada para a mocidade
A mocidade tamén terá o seu día dentro do calendario de actos programado pola comarca. Será durante a tarde do xoves 20 de outubro. Aínda que falta por concretar o espazo exacto, a CIG-Mocidade anima á xente nova á amosar a súa creatividade participando na pintada de graffitis alusivos á temática da campaña “Si, existen alternativas”. Ademais, vaise facer un reparto de panfletos específico para os mozos e as mozas en formato de banda deseñada.
Manifestación en Compostela
Este programa de mobilizacións enmárcase no calendario de actos que a central sindical está a realizar por todo o País con motivo da campaña “Si, existen alternativas. En defensa do emprego e dos servizos públicos”, que culminará o vindeiro 23 de outubro cunha manifestación en Compostela, ás 12:30 horas, que sairá dende a Alameda.