A CIG denuncia o recorte da Consellaría de Traballo e Benestar de 2.398.542,60 euros, acordado o pasado 19 de setembro, na subvención aos Servizos Sociais Comunitarios, e lembra que xa no mes de marzo o Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade efectuou un recorte similar. Entre os recortes de ambas as dúas administracións, redúcese en case que 1.600.000 € o orzamento destinado ao Plan Concertado, que é o instrumento de financiamento dos Servizos Sociais Comunitarios nos Concellos. A consecuencia disto, a central sindical advirte que os primeiros programas afectados serán axuda no fogar, emerxencias sociais e prevención e promoción da saúde.
Os recortes no conxunto do orzamento prexudican seriamente o Plan de Inclusión e a Risga. A secretaria confederal de Políticas Sociais da CIG considera que estes recortes “son inadmisíbeis, cando é máis que evidente que coa crise sistemática capitalista que padecemos, os servizos socias son de vital importancia para evitar a exclusión social que xa sofren moitas persoas e que corren o risco de sufrir moitas máis”.
Bugallo denuncia que destinar unicamente 12.985 euros para o Plan de Loita contra a Pobreza e Exclusión Social é “unha auténtica demostración de que non se quere atallar o problema”. A isto engade que “os recortes en servizos sociais significan de facto o finiquito de moitos convenios que a Xunta tiña cos concellos para que estes puidesen cubrir as necesidades sociais das veciñas e veciños”.
Os Servizos Sociais son o sector estratéxico idóneo para a xeración de emprego, de riqueza e de avance de novos dereitos. “Estamos diante do despropósito do Sr. Feijoo de botar pola borda os servizos de orientación, de información, de axuda no fogar, de aloxamento preventivo, de prevención e, por ende, de inserción social e laboral”.
A CIG entende que a resposta nesta altura dos acontecementos socioeconómicos pasa pola mobilización social. Afirma que existen alternativas e chama a mobilizarse o próximo 23 de outubro por un outro modelo social, económico e político e pola non destrución do Plan Concertado, por uns servizos sociais fortes diante da agresión e violencia exercida contra todas as galegas e galegos.